12 enero, 2025
Nun emocionante partido disputado no Pazo dos Deportes Paco Paz, o Aircargobooking Ourense caeu por un axustado 89-90 ante o Flexicar Fuenlabrada despois dunha prórroga que fixo vibrar ao todo o Pazo aínda que ao final non tivese premio.
O partido comezou cun primeiro cuarto trepidante no que o Ourense saíu á pista disposto a dominar dende o inicio. A intensidade defensiva e a rapidez nas transicións permitiron aos locais pechar o primeiro parcial con vantaxe por 28-25 cun Aanen Moody castigando dende o perímetro e un gran xogo ofensivo.
Flexicar Fuenlabrada non tardou en reaccionar. No segundo cuarto, o equipo visitante impuxo un xogo máis físico e ordenado, conseguindo reverter a situación. Con ambos bases dirixindo, e un gran xogo interior, aproveitaron as perdas de balón dos ourensáns e asinaron un parcial de 16-24 que lles permitiu marchar ao descanso cunha lixeira vantaxe.
O terceiro cuarto foi de novo favorable ao equipo madrileño, que parecía controlar o ritmo do partido. A pesar dos esforzos colectivos dos xogadores ourensáns que mantiñan ao equipo na loita, o parcial de 16-18 fixo que o Flexicar Fuenlabrada ampliase a súa vantaxe antes do último período.
No derradeiro cuarto, co marcador en contra, o Aircargobooking Ourense sacou o orgullo e protagonizou unha gran remontada coa axuda de todo o Pazo. A intensidade defensiva e o acerto dende a tripla de Moody devolveron ao conxunto cobista ao partido e Toni Ten tiña que pedir tempo morto. Mais o Aircargobooking Ourense seguía confiando nas súas opcións de vitoria e lograba remontar o partido cun minuto por xogar. Unha tripla de Westermann volvía a empatar o partido con tan só 40 segundos. O conxunto de Moncho López anotaba e o Flexicar Fuenlabrada pedía tempo morto. Non encestaban e os árbitros pitaban falta sobre Nzosa que non erraba os tiros libres. Con 4 segundos no marcador tivo a última Aanen Moody que fallou. O rebote tentábao palmear Ogunsipe pero quedaba curta e o partido ía á prórroga cun 81-81.
Xa no tempo extra, a tensión era máxima e cada xogada podía decidir o destino do encontro. Golpeaba primeiro Diogo Brito cunha tripla que puña a todo o Pazo en pé, mais tres perdas consecutivas do conxunto local facía que Fuenlabrada volvera a mandar no marcador. O Aircargobooking Ourense non se daba por vencido e cos folgos de toda a afección voltaba a empatar o encontro con poucos segundos por xogarse. O ataque de Fuenlabrada acaba en falta, outra vez, e Nzosa anotaba un tiro libre para pór o 89-90 e deixaba a última posesión ao Aircargobooking Ourense para tentar gañar o partido. O derradeiro tiro non entraba e nun rebote longo e tras un empurrón a Aanen Moody, que agora non era falta, sonaba a bucina e os visitantes levaron a vitoria.
Alerta