Alfonso Pexegueiro presenta o seu novo poemario no Auditorio Municipal de Ponteareas

Compartir
Alfonso Pexegueiro. Fonte: Concello

O acto será o sábado 25 ás 18.30 horas con entrada de balde ata completar aforo.

O escritor de Angoares, Alfonso Pexegueiro, compartirá os versos do seu novo poemario “Rizo y Riza. Un brindis por la duda” cos veciños de Ponteareas o vindeiro sábado ás 18.30 horas no Auditorio Municipal.

A presentación pecharase cunha pequena actuación do grupo PÄRBO, con Begoña Riobó ao violín e Anxo Pintos á zanfona. A entrada é de balde ata completa aforo e Concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a veciñanza a asistir para “dialogar de literatura cun poeta do que estamos moi orgullosos”.

Alfonso Pexegueiro iniciou a súa actividade literaria en Galicia no ano 1975 coa creación do Grupo de Comunicación Poética “Rompente”. O ano seguinte comezou traballar na redacción da revista infantil e xuvenil Vagalume e en 1980 uniuse á Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega, foi o seu secretario ata xuño de 1985. Como secretario da AELG coordinou a revista Escrita e impulsou o I Congreso de Escritores en Lingua Galega, así como o Galeusca, Encontros de Escritores vascos, cataláns e galegos, deu numerosos recitais de poesía, e colaborou en prensa con artigos de opinión, e sobre arte e literatura. Na actualidade xa conta con cerca de vinte obras publicadas, tanto de poesía como de narrativa.