9 noviembre, 2024
Encontros de traballo co ministro do Mar e con responsables de Portos de Cabo Verde
— O titular de Mar expresou a vontade do Goberno galego de estreitar lazos con Cabo Verde impulsando a colaboración en materia pesqueira, portuaria así como en cooperación a través do Centro Tecnolóxico do Mar- Cetmar
— Tamén constatou o interese de Cabo Verde de recuperar a actividade da antiga factoría de Atunlo e o estudo do posible interese de empresas galegas na instalación
— Ambas administracións acordaron traballar na elaboración dun novo memorando de entendemento no que reforzar a colaboración en materia formativa e de investigación e o ministro do Mar
Continúa a intensa axenda de contactos do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, en Cabo Verde con motivo da celebración XI edición da feira Expomar, enmarcada na VII Cabo Verde Ocean Week co obxectivo de fortalecer as relacións co país africano e impulsar a presenza e posibilidades de negocio das empresas galegas da cadea mar-industria nesta zona do Atlántico.
O responsable autonómico comezou a derradeira xornada da súa visita cun encontro de traballo co ministro do Mar, Jorge Pedro Maurício dos Santos, acompañado polo director nacional de Política do Mar, Anisio Evora, e polo director nacional de Pescas e de Acuicultura, Carlos Monteiro. Na xuntanza estudáronse as posibles liñas de colaboración no ámbito pesqueiro entre Galicia e Cabo Verde e o reforzo da presenza da cadea mar- industria galega no país.
Na reunión, o ministro trasladou a vontade do Goberno caboverdiano de que antiga factoría de Atunlo no porto de Mindelo retome a actividade. Pola súa parte, Villares subliñou o interese da Xunta de que se continúe mantendo a participación de capital galego na instalación.
O titular de Mar, tamén expresou a vontade do Goberno galego de seguir fornecendo os lazos entre ambos territorios impulsando a colaboración en materia pesqueira, onde hai intereses comúns no ámbito da sostibilidade e revalorización dos produtos do mar, en materia portuaria así como en cooperación a través do Cetmar, entidade dependente da Consellería do Mar e cun amplo historial de proxectos realizados no país.
Ambos acordaron traballar na elaboración dun novo memorando de entendemento, o último foi asinado no 2016, centrado na colaboración en materia de formación marítima e na investigación vinculada aos centros de investigación mariña autonómicos. O ministro tamén expresou a súa vontade de realizar unha vindeira visita a Galicia para seguir afondando nestas liñas de traballo.
Por outra banda, Alfonso Villares, mantivo outro encontro con responsables da entidade que xestiona os Portos de Cabo Verde, Enapor, para estudar liñas de colaboración en materia portuaria na que tamén sobrevoou a situación da concesión da nave da antiga factoría de Atunlo e a posibilidade de que esta sexa asumida por empresas de capital galego.
O responsable autonómico puxo en valor o traballo que se vén desenvolvendo nos portos galegos en áreas como a eficiencia enerxética, seguridade e sustentabilidade. O conselleiro destacou que tanto Cabo Verde como Galicia se atopan en puntos estratéxicos por onde pasan algunhas das principais liñas marítimas á vez que resaltou a ampla rede de portos galegos, 122 autonómicos e 6 de interese xeral que da cobertura a ese tráfico. Unha experiencia que, unida á ampla traxectoria das empresas galegas na prestación de servizos portuarios, abre a porta ao deseño e execución de proxectos de interese para o país africano.
A nosa comunidade foi unha das protagonistas da nova edición da feira Expomar cun expositor propio da Consellería do Mar no que participaron en calidade de coexpostitoras empresas galegas Suministros Beni, Sinxerxia, Noroesmar, Casa Pepe ,Pescados Vixa, Atlas Forwarding, Fripalsa e A Poutada. O espazo, que foi visitado polo ministro de Mar caboverdiano, serviu de punto de encontro entre as compañías participantes con operadores de outros territorios, incrementando as posibilidades de negocio e facilitando o acceso a potenciáis clientes.
Alerta