30 septiembre, 2024
– O titular de Mar pon en valor o papel de protagonista indiscutible da comunidade representando o 33,9% das empresas, máis do 50% dos ingresos de explotación e o 41,3% dos empregos
– Tamén reflexiona sobre a evolución da produción acuícola a nivel mundial alcanzando un novo récord no 2022 con 130,9 millóns de toneladas o que supón o 59% do total da produción acuática
– O responsable autonómico sinala como imprescindible o desenvolvemento de políticas eficaces a nivel global para unha xestión rigorosa co fin de asegurar a saúde dos océanos así como a prosperidade das comunidades que dependen deles
Arranca unha nova edición do Congreso Conxemar-FAO na cidade pontevedresa de Vigo que reunirá a 23 expertos de prestixio internacional e profesionais de primeiro nivel do ámbito da pesca para abordar os retos presentes e futuros da industria da transformación e comercialización de produtos do mar. O evento foi
inaugurado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, como antesala da XXV feira internacional Conxemar que terá lugar de o 1 ata o 3 de outubro na cidade olívica. Alí o responsable autonómico destacou que esta cita sitúa a Galicia como epicentro da industria pesqueira europea así como escenario referente, que crece ano a ano, ao amparo dun sector estratéxico en España e para a economía galega.
O titular de Mar puxo en valor o papel de protagonista indiscutible da comunidade que representa o 33,9 das empresas do sector, máis do 50% dos ingresos de explotación e o 41,3% dos empregos. Cifras que poñen negro sobre o branco a fortaleza dun industria que é referente internacional. Por iso, valorou moi positivamente a alianza entre o sector e Axencia das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) na na organización deste congreso internacional no que se presentará o informe Sofía 2024 sobre Obxectivos de Desenvolvemento Sostible: Responsabilidade para o futuro en cuxa elaboración participou o Centro Tecnolóxico do Mar, dependente da Consellería do Mar.
Nesta liña, Alfonso Villares reflexionou sobre o crecente dependencia da industria dos cultivos mariños para dar resposta á demanda mundial de alimentos acuáticos e o seu potencial para fornecer a seguridade alimentaria e a nutrición global. Así, subliñou que a acuicultura volveu a bater un novo récord de produción que alcanzou os 130,9 millóns de toneladas o que supón o 59% do total da produción acuática a nivel mundial. Unha realidade que se ve reflectida no sector a nivel galego que agrupa xa a preto de 2.600 empresas das que dependen máis de 5.600 empregos e que logrou no 2022 as súas mellores cifras de produción dos últimos 15 anos con 232 millóns de euros.
Se ben é certo que no ámbito galego o cultivo de bivalvos acapara o 58% da produción co mexillón como gran protagonista, a piscicultura vai gañando peso representado xa o 42% do valor. Deste xeito Galicia se consolida como líder en tecnoloxía da produción de peixes planos xa que produce o 99% do total estatal. Neste ámbito o rodaballo aparece como especie estrela coa maior produción da historia con 9.600 toneladas que sitúa á comunidade como a maior produtora da Unión Europea. Algo que tamén acontece con linguado cun incremento da facturación do 16,5%.
O responsable autonómico sinalou que, nun contexto no que a acuicultura é un instrumento esencial para o subministro de alimentos para millóns de persoas, resulta
imprescindible o desenvolvemento de políticas eficaces a nivel global para unha xestión rigorosa que permita marcar o camiño cara unha maior sustentabilidade do uso dos recursos mariños. En definitiva, trátase de asegurar a saúde dos océanos así como para garantir a prosperidade das comunidades que dependen deles.
A Consellería do Mar e Conxemar colaboran no marco dun convenio para coordinar e establecer as accións conxuntas no ámbito da promoción e comercialización dos produtos conxelados da pesca no 2024 e 2025 por valor de 1,21 millóns de euros. Entre as ctuacións específicas se sinalan o plan de promoción do XII Congreso Internacional de Conxemar-FAO, a organización e promoción nacional e internacional da feira Conxemar ou un plan de comunicación para promover o desenvolvemento do sector e o consumo dos produtos do mar conxelados.
Alerta