22 octubre, 2021
Unha delegación de estudantes de 5º curso visitan mañá as instalacións promovidas polo Concello de Vilagarcía e deseñadas por Iago Fernández Puentes.
O edificio da Escola Infantil de Vilaxoán continúa recibindo recoñecementos. Neste caso dende o ámbito universitario e internacional, posto que o departamento de Arquitectura e Urbanismo da Universidade Portucalense de Oporto, elixiu a obra promovida polo Concello de Vilagarcía e deseñada polo arquitecto Iago Fernández Puentes como exemplo a estudar polos seus alumnos de último curso.
No marco do traballo que os estudantes están a realizar para completar a súa formación, unha delegación lusa visitará mañá a Escola Infantil de Vilaxoán para coñecer de primeira man a filosofía, as técnicas e os materiais elixidos polo autor do proxecto, así como a adaptación do deseño á finalidade do centro e a súa harmonización na contorna. O propio Iago Fernández actuará de guía e responderá ás preguntas do grupo, composto por 15 alumnos de 5º curso e a responsable do departamento, a profesora Ana Lima.
A concelleira de Urbanismo, Paola María, tamén participará na visita ao edificio que xa suma outros recoñecementos de relevancia, como a mención recibida no apartado relativo á obra pública dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación 2020 convocados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, así como o accésit dos Premios Juana de Vega de Intervención na Paisaxe.
A visita comeza ás 10.30 horas.
Alerta