24 noviembre, 2021
O servizo de Xardíns coa colaboración dos de Obras e Electricidade rematan estes días as instalacións, que se poderán admirar a partir desta fin de semana.
A dinamización de rúas completarase coa decoración floral e luminosa en diferentes espazos públicos da cidade, a maiores do alumeado de Nadal.
A actuación do Concello pretende embelecer e dinamizar a cidade e que os veciños o disfruten, razóns polas que se prega que coiden e respecten a decoración “que é de todos e que pagamos todos”.
O Concello de Vilagarcia ultima estes días os preparativos do Nadal de cara á inauguración da tempada festiva esta fin de semana co prendido do alumeado, a apertura do Fexturrón e a estrea dos xardíns efémeros cos que, dende hai uns anos, se engalanan as rúas da cidade con estampas invernais e típicas destas entrañables datas. Este ano serán 12 os xardíns de Nadal que se repartirán polas zonas peonís, tendo como novidades principais a cidade infantil que se instalará na Praza da II República e a recreación prevista na nova praciña peonil habilitada ao pé da ciclovía na intersección da avenida Rodrigo de Mendoza con Doutor Tourón.
Os xardíns efémeros de Nadal son unha idea posta en marcha pola Concellería de Promoción Económica co obxecto de dinamizar as rúas da cidade e tamén a actividade comercial e hostaleira. A iniciativa tivo moi boa acollida dende o primeiro ano ao contribuír a embelecer os espazos públicos e crear un ambiente típico de Nadal do que gozan vilagarciáns e visitantes e, moi especialmente, o público infantil.
Para os máis cativos está pensada a cidade habilitada na Praza da II República, cun grupo de casiñas de conto iluminadas e decoradas para a ocasión e nas que a xente poderá fotografarse como xa é habitual nos xardíns de Nadal de Vilagarcía.
Na nova zona peonil de Rodrigo de Mendoza, a carón do río do Con, tamén se recreará unha estampa moi especial dedicada ao Nadal e cun chisco ás ciclovías.
Intervencións no Piñeiriño, A Coca, o Parque Dona Concha e a rotonda de Carril
Estas dúas serán as intervencións máis amplas, aínda que outros dez xardíns efémeros se distribuirán pola cidade. Dous estarán na Rúa Castelao, un na Alameda, outro baixo o arco dos cubos de Vista Alegre e as restantes na confluencia de Rey Daviña con Castor Sánchez e na do Xardín de Ravella con Arapiles e Ramón y Cajal. Tamén haberá intervencións no Parque da Coca, na humanización da Rua Camilo José Cela, no Piñeiriño, así como no Parque de Dona Concha de Vilaxoán e na rotonda de Carril.
A ambientación de Nadal que asume directamente o Concello non se limita a estes xardíns efémeros. A campaña complétase coa decoración floral e luminosa de diversos espazos e zonas públicas do municipio, como os paraugas que cubrirán a Praza do Castro ou rotondas emblemáticas como a da Luz Salgada ou a de Larsa, entre outras, onde as ponsetias brancas e vermellas combinaranse con elementos de luz e árbores de Nadal. Todo isto vai a maiores do alumeado de Nadal propiamente dito, que se contrata cunha empresa externa e co que se decorarán rúas e prazas de Vilagarcia, Vilaxoán e Carril, así como nos barrios da periferia e casas de cultura do rural.
Un traballo de meses
O Concello leva meses traballando no deseño dos xardíns efémeros a través dos servizos de Xardíns, Obras e Electricidade. Os preparativos inícianse nos seus obradoiros, onde se van deseñando e elaborando as pezas e elementos decorativos que estes días se están colocando nas rúas, traballo que se compatibiliza coas labores habituaus que deben realizar os respectivos servizos. A previsión é que todos os traballos estean rematados o venres pola noite, para que poidan ser visitados a partir do sábado, o mesmo día que se prende o alumeado de Nadal.
Dende o Concello lémbrase que esta decoración navideña conleva moito traballo e esforzo, e tamén recursos económicos, que se dispoñen coa intención de que sexan disfrutados polos cidadáns e de que a iniciativa serva para dinamizar a economía. Por todo, prégase aos veciños que sexan coidados e respecten as instalacións e os materiais, “que son para todos e que pagamos todos”.
Alerta