20 septiembre, 2024
A delegada territorial da Xunta en Vigo participou na presentación do III Encontro “Empresas con Corazón” organizado por Cáritas Diocesana
Tras beneficiarse máis de 100 persoas, o obxectivo agora é chegar o ano que vén aos 145 migrantes con autorización de residencia e de traballo
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou este venres no III Encontro “Empresas con Corazón”, organizado por Cáritas Diocesana de Tui-Vigo. Alí, presentou o proxecto de arraigamento para a formación, unha iniciativa pioneira impulsada polo Goberno galego en colaboración con entidades como Cáritas e cuxo obxectivo é facilitar a integración sociolaboral de persoas migrantes en situación administrativa irregular.
Durante a súa intervención no acto celebrado na Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), a representante autonómica destacou os avances do
programa no seu primeiro ano de funcionamento. “O doble obxectivo é que as persoas consigan unha autorización de residencia e de traballo que facilite a súa integración e á vez facer fronte á escaseza de persoal en certos sectores do mercado laboral con serios problemas para atopar man de obra”, sinalou.
Así, Ortiz lembrou os convenios entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e Cáritas Federadas en Galicia, Cáritas Diocesana de Lugo e a Federación de Escolas Familiares Agrarias (EFA) de Galicia cunha achega autonómica de case 1 millón de euros.
Tras ter beneficiado con estas mesmas tres entidades máis de 100 persoas -das que o 100% das que recibiron microformacións a través de case 60 cursos
conseguiron permiso de residencia e arredor dun 70% acadaron un traballo indefinido-, o obxectivo agora é chegar deica finais do ano que vén aos 145 migrantes con autorización de residencia e de traballo que faciliten a súa integración sociolaboral e a regularización da súa situación, ao tempo que se contribúe tamén a facer fronte á escaseza de man de obra en certos sectores do mercado laboral.
Os empregos que se cubriron grazas á primeira edición do programa estaban relacionados cos contidos impartidos nun total de 59 accións realizadas nas catro provincias, centradas en eidos como a construción, o turismo e a hostalaría, a atención sociosanitaria, a gandaría, a produción agroalimentaria, a limpeza, o mantemento de maquinaria ou a beleza, entre outros.
Alerta