Apoio ao sector editorial galego cunha axuda de 200.000 euros para os gastos de publicación

Compartir

O obxectivo desta convocatoria é contribuír á difusión das obras publicadas entre o público lector

A Xunta de Galicia vén de convocar unha liña de axudas dotada con 200.000 euros dirixida ao sector editorial galego co obxectivo de impulsar a distribución das obras editadas e, deste xeito, facilitar que cheguen ao público lector.

Segundo se pode consultar no Diario Oficial de Galicia, as axudas van dirixidas á edición, distribución e comercialización das publicacións realizadas entre o 1 de setembro de 2020 e o 30 de setembro de 2021. Entre os gastos subvencionables están os derivados de actividades como a tradución e corrección, revisión, maquetación, custes de preimpresión, impresión e dixitalización, accións de comercialización como campañas de márketing e publicidade en diferentes medios e canles ou gastos de distribución.

Á convocatoria poderán presentarse as empresas editoriais que desenvolvan a súa actividade en Galicia, e os libros obxecto de axuda deberán cumprir cunha serie de requisitos como estaren editados en Galicia e comercializados a través de librerías ou doutras plataformas de distribución física ou dixital, contar unha tiraxe mínima de 500 exemplares (250 exemplares por tiraxe no caso de obra de poesía, teatro e ensaio), contar cun plan de distribución e comercialización en España ou fóra de España, ser a primeira edición dunha obra inédita ou ben dunha obra cuxa última edición na lingua que se propón publicar teña unha antigüidade de máis de 15 anos e posuír un mínimo de 60 páxinas por exemplar (a excepción dos libros infantís, de teatro e de poesía), entre outros.

A orde tamén especifica os criterios de reparto das contías en función dunha serie de porcentaxes segundo o investimento presentado para cada publicación. En todo cada editorial poderá solicitar axudas para un máximo de 20 libros e o o importe máximo adxudicado a cada unha delas non superará os 30.000 euros. O prazo para solicitar as axudas remata o 2 de agosto.

Dinamización do sector
Esta acción enmárcase dentro do conxunto de iniciativas desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no marco do Plan de Reactivación da cultura, que este ano se viu reforzado con 23M€.

Ademais das axudas á distribución que hoxe se convocan, no caso concreto da dinamización do sector do libro a Xunta mantén tamén outras convocatorias como as dirixidas ás librarías para o apoio á difusión do libro e da lectura, ou o apoio ás Feiras do Libro de Galicia con doce paradas en distintas cidades e vilas ata o mes de agosto.