Arranca o renovado servizo de transporte urbano

Compartir
Bus urbano. Fonte: Concello

O Alcalde Miguel Anxo Fernández Lores estreou esta mañá transporte urbano facendo un pequeno treito entre Xosé Malvar e a rúa da Barca.

Resaltou que se trata dun servizo que se achega a todos os centros de afluencia de público, é máis barato e supón unha mellora importante para o barrio de Monte Porreiro.

 

O Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores estreou esta mañá o renovado transporte urbano de Pontevedra facendo un pequeno treito entre a rúa Xosé Malvar e a avenida do Uruguai á altura da rúa da Barca; unha das dúas liñas que ofrece este novidoso servizo financiado entre o Concello e a Xunta de Galicia. O alcalde estivo acompañado polo Concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, responsable de negociar coa Xunta, e a Concelleira de Sostemento de espazos públicos, Eva Vilaverde. Tamén estivo presente o responsable da empresa concesionaria Rías Baixas, Aurelio Cuiña, quen participou na viaxe.

O Alcalde destacou que estas liñas “funcionarán como circulares e perimetrais á cidade compacta”. Manifestou que “é un paso adiante importante á hora de mellorar a accesibilidade dos cidadáns que usan o transporte público porque abarata, porque facilita o acceso a todos os centros de afluencia de público, e no caso de Monte Porreiro supón un paso adiante porque ten conexión directa con Montecelo, aumentan as frecuencias cada 15 minutos e os prezos do billete son asumibles para a xente que usa obrigatoriamente o transporte público”.

Tamén lembrou que dende o momento en que se anunciou este renovado servizo detectouse un incremento de usuarios.

Explicou, así mesmo, que a sinalización e información de marquesiñas, fitos, paradas… comezou a colocarse nestes días para evitar confusión coas anteriores liñas, polo que se irá colocando nestas semanas.