12 agosto, 2021
O grupo vilagarcián Clámide celebra o seu 40 aniversario coa representación de “O enfermo imaxinario” no marco do programa do Festaclown.
Vilagarcía inicia mañá, venres 13 de agosto, as tradicionais festas de San Roque cun intenso programa de actividades lúdicas e musicais para públicos de todas as idades e de todos os gustos. Serán dez días de festexos (ata o domingo 22 de agosto) que arrancan mañá, ás 20.00 horas, na Praza de Ravella coa tradicional lectura do pregón a cargo dos membros do Arosa S.C. O teatro do grupo Clámide e o concerto de Fuel Fandango completan a axenda deste primeiro día das festas.
Como vén sendo habitual, e máis aínda dende a pandemia cando se puxo en marcha a campaña “Son da Casa”, o Concello segue apostando polas entidades e grupos locais á hora de deseñar o programa das festas. A primeira mostra disto é a elección da persoa ou persoas encargadas de realizar a lectura do pregón, honra que nesta ocasión recae no club de fútbol Arosa S.C., que este ano conmemora o seu 75 aniversario e que vén de conseguir o ascenso á competición nacional 2ª Real Federación Española de Fútbol (RFEF).
Tamén “da casa” é o Taller de Teatro Clámide, que este ano cumpre 40 anos de traxectoria. Con motivo desta celebración, Clámide retoma un dos seus espectáculos máis representados, a adaptación do texto do dramaturgo francés Molière, “O enfermo imaxinario”, obra que representan mañá no Salón García a partir das 21.30 horas. Esta comedia en tres actos escrita en 1673 relata a historia dun pai hipocondríaco que, ao crerse moi enfermo e por interese propio, trata de casar a súa filla cun médico. Máis a criada, en complicidade co irmán do pai, artellará un complicado e divertido plan para impedilo.
A entrada á función é de balde ata completar aforo. É necesario presentarse 20 minutos antes do inicio da función para permitir o control de acceso necesario segundo os protocolos sanitarios.
O primeiro concerto das festas tamén lugar mañá no Parque da Xunqueira ás 23.00 horas. Correrá a cargo de Fuel Fandango, dúo formado polo produtor canario Alejandro Acosta e a cantante cordobesa Cristina Manjón e que se caracteriza pola súa mestizaxe musical e atemporal. No concerto de mañá presentan o seu cuarto disco “Origen”, que alberga as vertixes deste século e á vez é unha invitación para volver á natureza e ao amor como salvavidas de todo. Unha viaxe emocional dualista onde os sons urbanos, flamencos, africanos e de raíz convidan a ser libres. A súa proposta está impecablemente vestida nuns temas que teñen como esqueleto a percusión africana, a guitarra española, o caixón flamenco e a música urbana. Letras e melodías mostran que o futuro tamén é pasado, que tal vez á modernidade só sobrevive volvendo á orixe.
A entrada é de balde con invitación que hai que retirar a través da web www.woutick.es. A día de hoxe as entradas están esgotadas, aínda que se recomenda as persoas interesadas continuar visitando a web por si se rexistran devolucións.
Alerta