Arrancan as obras de urbanización do Polígono 11 en Sisalde en Moaña,

Compartir

A subvención provincial supera os 110.000 euros e permitirá urbanizar o terreo no que se situará un centro de saúde, respondendo así a unha grande demanda da veciñanza

 

A zona contará con un viario de dirección única, zona de aparcamento e toda a rede de servizos necesaria así como con mobiliario urbano

 

Moaña está cada vez máis preto de contar cun novo centro de saúde, un servizo demandado dende hai décadas pola veciñanza, tras o comezo das obras de urbanización do polígono 11 en Silsalde, no que se situará o mesmo.

 

As actuacións están sufragadas a través dunha achega de 113.140 euros do Plan Concellos, un plan dependente do servizo provincial de cooperación cuxo responsable, o deputado Santos Héctor, quixo coñecer de primeira man o inicio das obras. Xunto a el estivo a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, colectivos que forman parte da Mesa Local de Sanidade e familiares de Elisa de la Peña González, mestra e activista da que tomará o nome a rúa que vertebrará a zona.

As actuacións comezaron a realizarse nun terreo de case 7.000 metros cadrados e consisten na apertura dun viario de dirección única de case 150 metros de longo e 12 de ancho, que comunica as rúas Sisalde e Rosalía de Castro, así como construción de beirarrúas de entre 2 e 2,8 metros de longo e unha calzada de 5 metros de ancho. Esta última contará cunha liña de aparcamentos que reservará algunhas prazas a persoas con diversidade funcional, facendo así o entorno máis accesible para o conxunto da veciñanza.

 

A achega do Plan Concellos servirá tamén para dotar de servizos a todo o ámbito de actuación entre os que destacan as redes de saneamento de fecais e pluviais, o subministro de auga e abastecemento, o alumeado público, as telecomunicacións ou a rede contra incendios. Do mesmo xeito, a inversión provincial tamén servirá para equipala con mobiliario urbano.

 

Preto de 10 millóns de euros para Moraña

A urbanización deste polígono é só un exemplo máis das inversións que a Deputación de Pontevedra realiza no concello do Morrazo, ao que leva destinados máis de 9,6 millóns de euros nos últimos seis anos. A maior parte deles (6,5 millóns de euros) corresponden á área de cooperación, na que se enmarca o Plan Concellos que neste 2021 fai chegar ao municipio 996.734 euros. Ademais, a Deputación tamén destinou a Moaña 488.750 euros do Plan DepoRemse para a implantación do eixo de mobilidade amable e segura de interconexión dos centros urbanos de Cangas e Moaña.