Arrincan as andainas, organizadas pola Concellería de Deportes

Compartir

Ponteandadas arrinca tras unha longa agarda cun programa que anima a estirar as pernas e a coñecer o contorno natural das nosas parroquias

 

  • As andainas, organizadas pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, comezarán este domingo 19 cunha camiñada polo Lérez a través de Monte Porreiro, Mourente e Bora
  • O programa incluirá roteiros contemplados dentro da rede MetroSán, con percorridos polo río dos Gafos, os parques forestais da Tomba e A Fracha e o encoro do Pontillón do Castro

 

Despois de que a evolución da pandemia obrigase a adiar ata en dúas ocasións as datas que estaban previstas para o inicio dos roteiros, o programa Ponteandadas porase finalmente en marcha este domingo cunha proposta de itinerarios que convida á cidadanía a estirar as pernas e a perderse polos fermosos contornos naturais das nosas parroquias. Unha iniciativa que en todo caso, tal e como salientou esta mañá o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, durante a presentación das rutas, “tras esta longa agarda, chega no mellor momento posible, xusto cando parece que a Covid por fin comeza a remitir e pouco a pouco volvemos tomar as rúas e a natureza coa celebración de eventos e actividades deportivas e de exercicio físico”.

Nun acto que tivo lugar na Sala de Prensa do Teatro Principal e no que estivo acompañado por Juan Romero, coordinador dos roteiros, e Javier Piñeiro, director técnico do programa (membros do club de sendeirismo Naturgaliza), Fernández indicou que “evidentemente a actividade desenvolverase en base a un estrito protocolo anti Covid, con grupos dun máximo de 20 participantes, recepción dos asistentes nun circuíto valado e medidas de prevención (xel desinfectante, luvas…), mascarilla obrigatoria, distancia mínima de dous metros e a necesidade de respectar as indicacións dos monitores, de non adiantalos e de manterse sempre no mesmo grupo”. “Abriranse as inscricións a un máximo de 200 participantes por ruta, tódolos percorridos serán de carácter circular, terán unha distancia aproximada de 10 kilómetros e celebraranse os domingos pola mañá a partir das 10:00 horas (ata o 21 de novembro, incluído). A ruta estará marcada e indicada con frechas amarelas, contará con monitores titulados e servizo de ambulancia. O avituallamento será unicamente líquido e os participantes disporán de seguro de accidentes”, explicou o edil do PSOE.

 

Segundo apuntou o tenente de alcalde, “Ponteandadas 2021 inaugurase este domingo 19 de setembro cunha camiñada que discorrerá polo contorno do río Lérez, con saída do Miradoiro de Monte Porreiro ás 10:00 horas e percorrendo as parroquias de Bora e Mourente”. Para os días 10 e 24 de outubro están previstos itinerarios polo río dos Gafos (Cabanas, Salcedo) e os montes da Fracha, respectivamente, mentres que para o 7 de novembro deseñouse un roteiro polo encoro do Pontillón do Castro (Verducido). A actividade clausurarase o 21 de novembro cun percorrido polo parque forestal da Tomba.

 

Unha actividade estrela dentro de A Vida é Movernos

Tino Fernández salientou o “sobresaliente éxito” acadado en anteriores edicións de Ponteandadas, un programa englobado agora “como un apartado estrela” dentro do proxecto A Vida é Movernos; pensado para “dinamizar a aquelas persoas ás que lles gusta camiñar e que teñen intención de recuperar esa actividade física que se perdeu en parte durante a pandemia”; capaz de “atraer a un número importante e moi variado de xente”, e que ademais “pretende dar a coñecer o noso privilexiado contorno, que ás veces, por telo tan próximo, acabamos descoñecendo”. “Cumpre un papel fundamental e queremos que anime á xente a saír á rúa a camiñar e tamén a empatizar, a socializar, a falarse, a verse, a botar unhas risas xuntos… Algo do que moitas veces nos privou a pandemia. O exercicio físico é tan importante como a paz mental, atoparse ben con un mesmo e volver ver aos amigos”, asegurou o concelleiro de Deportes.

 

Juan Romero explicou que as rutas están deseñadas “de xeito que sexan accesibles para todo o mundo, non demasiado complicadas e longas e resulten agradables e atractivas”. O coordinador de Ponteandadas 2021 precisou que “dado que había xente que estaba anotada cando se aprazou con apenas uns días de antelación, o cupo de 200 persoas (antes da pandemia era de 300) da primeira andaina xa está practicamente cuberto”, pero “a cidadanía aínda se pode seguir anotando para as outras catro, porque dispoñemos de prazo”.

 

Entre un 75 e un 80% das persoas que se anotan nas rutas son mulleres, nunha franxa de idade de 40 anos para arriba, ata os 70 anos. Nese grupo tamén hai homes e nenos. A xente simplemente quere facer deporte”, matizou Romero.

Pola súa banda, Javier Piñeiro afirmou que ningunha das rutas que se seleccionaron ten dificultade “nin de dureza nin tampouco de técnica, en canto a ir pendente dos terreos nos que se discorre”, e todas elas resultan “de fácil acceso e estacionamento”. O director técnico do programa indicou que Naturgaliza dispón dunha dirección de correo electrónico para poder xestionar as inscricións (ponteandadas@gmail.com), se ben o WhatsApp (625 48 26 36) e o Facebook son os medios que mellor están a funcionar para chegar á cidadanía interesada.

 

As datas e puntos de encontro das rutas de Ponteandadas 2021 son os seguintes:

19/09 Bora / Mourente (volta a o Lérez) – Saída: 10:00 horas, do Miradoiro de Monte Porreiro

10/10 Salcedo / Cabanas (polo río dos Gafos) – Saída: 10:00 horas, da explanada do Gremio de Mareantes

24/10 Parque forestal da Fracha – Saída: 10:00 horas, da área recreativa da Fracha

7/11 Encoro do Pontillón do Castro – Saída: 10:00 horas, desde as pistas de piragüismo

21/11 Parque forestal da Tomba – Saída: 10:00 horas, da praza de San Pedro de Campaño (fronte ao Hotel  Rural Campaniola)