14 noviembre, 2024
― Esta acción abranguerá un mercado de Nadal de Artesanía Alimentaria e de Artesanía de Galicia, entre outras actividades que se celebrarán no casco histórico da vila, empregando tamén locais comerciais en desuso e a igrexa da Magdalena
― O evento serve como arranque do proxecto Vilas Vivas, que aposta pola dinamización de cabeceiras de comarcas a través de sinerxías entre gastronomía, comercio e turismo, ofrecendo novas experiencias a veciños e visitantes de fin de semana
― O mercado de Nadal de Ribadavia é un dos catro organizados pola Xunta para potenciar o selo de Artesanía Alimentaria; os outros tres terán lugar en Santiago de Compostela, Lugo e Vigo, todos eles antes de fin de ano
― Ademais da comercialización de produtos englobados nos selos de Artesanía Alimentaria e Artesanía de Galicia, os asistentes poderán participar en catas, degustacións, obradoiros dirixidos a familias e profesionais, baile ou música
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presentaron esta tarde a iniciativa Artesanía, saber e sabor, que terá lugar entre o 6 e o 8 de decembro no casco histórico de Ribadavia. Esta acción abranguerá un mercado de Nadal de Artesanía Alimentaria -xunto aos de Santiago, Lugo e Vigo, os eventos que impulsará antes de final de ano a Consellería do Medio Rural para potenciar este selo de calidade diferenciada-. Ademais, farase promoción de Artesanía de Galicia, xunto cun completo calendario de actividades para todos os públicos.
Artesanía, saber e sabor tamén funciona como punto de partida do proxecto Vilas Vivas, que será impulsado pola Xunta no 2025 co obxectivo de reforzar a dinamización do tecido comercial de vilas e cabeceiras de comarcas galegas.
Durante a rolda de prensa -na que tamén estiveron presentes o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, o director de Agacal, Martín Alemparte, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández- José González explicou que este proxecto busca poñer en valor a artesanía e os produtos alimentarios galegos de calidade diferenciada, explorando novas experiencias para a súa comercialización a través do uso efémero de diferentes locais comerciais do casco histórico da vila -abertos ao público para este evento- e a igrexa da Magdalena. Ademais, detallou que ao longo de tres días participarán máis unha vintena de artesáns e obradoiros adheridos á marca Artesanía de Galicia.
No que atinxe ao mercado de Nadal, segundo explicou a titular de Medio Rural, as expositoras serán pequenas empresas que elaboran e comercializan produtos acollidos a ao selo Artesanía Alimentaria dos diferentes sectores para os que se conta coa correspondente norma técnica. Así, haberá queixos, xeados, mel, embutidos e outros derivados cárnicos, marmeladas e outras conservas vexetais, cervexas, sidra, aceite de oliva, chocolate e derivados do cacao, entre outros produtos.
Ademais, o público que visite Ribadavia durante o evento poderá gozar tamén doutras accións que contribuirán a revitalizar o territorio, como obradoiros dirixidos a familias e profesionais, catas, degustacións, baile, música ou sorteos.
Na parte comercial, o evento de Ribadavia servirá como piloto dun proxecto máis amplo que a Xunta impulsará no 2025 baixo o nome de Vilas Vivas, que terá continuidade nesta vila histórica e posteriormente noutras. José González explicou que o principal obxectivo é potenciar o comercio como un motor de dinamización a todos os niveis -económico, social, hostaleiro, turístico…- para revitalizar vilas e cabeceiras de comarca, para o cal, indicou, será fundamental a colaboración e o compromiso co tecido comercial local.
Neste senso, explicou que, no marco do proxecto, o propósito é darlle unha nova vida a baixos comerciais en desuso de diferentes cascos históricos para o desenvolvemento de eventos efémeros que atraian visitantes durante as fins de semana, ligando deste xeito comercio, gastronomía, turismo e cultura para ofrecer unha experiencia integral que impulse as cabeceiras de comarca. Estas experiencias estarán abertas á participación de artesáns, bodegas, produtores de Artesanía Alimentaria ou mesmo outlets de moda. O consellerio fixo fincapé en que o comercio é un medio fundamental que favorece o potencial e o desenvolvemento de cada localidade, filosofía de Vilas Vivas. Ademais, indicou, un comercio local rendible é fundamental para a remuda.
A Xunta ten compromiso co tecido comercial, con novas medidas para fortalecer a súa competitividade como recollen os orzamentos de 2025. De feito, no primeiro trimestre do ano está prevista a presentación do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que contará con ferramentas como as prazas de abastos, apostando pola súa transformación en Mercados Excelentes.
Alerta