24 julio, 2021
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, saudou hoxe ás participantes no programa de mentorización musical “Descúbreas”, no que reciben asesoramento e acompañamento no comezo das súas carreiras musicais co obxectivo de facer emerxer o talento feminino. Silva animounas a perseguir os seus soños e a levar a voz das mulleres á música “porque nós soñamos mellor ca eles”. Trátase da primeira sesión presencial, cara a cara, dende que o programa da Deputación, destinado a músicas da provincia de entre 16 e 25 anos, arrancou o pasado mes de xaneiro.
Na sesión, que estivo a cargo da compositora e intérprete Woyza, déronse nocións sobre o proceso creativo e fíxose unha simulación dunha proba de son, proporcionando claves e consellos valiosos. Celebrouse na sede da Deputación en Vigo e contou tamén coa presencia das deputadas Victoria Alonso e Ana Laura Iglesias.
No “Descúbreas” están a participar Laura Martínez Puga (cantante procedente de Vigo), Uxía González (cantante e compositora de Salceda de Caselas), Inés Cortegoso (cantante e compositora de Pontevedra), Alicia Moreira (cantante e compositora de Poio), Eva Pico (cantante e compositora de Marín), Aroa Ferreiro (cantante e compositora viguesa), María Ferreirós (cantante e compositora de Vigo) e, finalmente, Sara Sanmartín (cantante e compositora de Xeve-Pontevedra).
Alerta