As axudas da Xunta ao talento audiovisual distribúen 194.000 euros entre 19 guións, curtas, longametraxes e webseries

Compartir

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar as subvencións á creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, que distribúen a súa dotación de 194.000 euros entre 19 novos proxectos, dos que seis son guións para longametraxes, oito curtametraxes, tres longas de dirección novel e dúas webseries.

O Goberno galego continúa reforzando esta liña de apoio, que en 2020 xa aumentara o seu orzamento ata os 178.000 euros para impulsar os traballos de novos guionistas e realizadores galegos no marco do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19. Ademais, na convocatoria deste ano inclúense dous novos apartados destinados ás webseries e a curtametraxes xa realizadas.

Segundo a resolución publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, 30.000 euros destínanse aos seis proxectos de escrita de guión subvencionados na modalidade A: Baixo risco de Helena Girón, O paso das formigas de Sara Traba, As aspis de Berio Molina, Invernadoiro de Daniel D. García, Terás que saltar de Irene Pin Basanta e Maluca de David Alonso González, que reciben 5000 euros cada un.

Incorporación de novas categorías

A categoría B de curtametraxes dotouse con 44.000 euros para as dúas submodalidades nas que se desagrega este ano. A través da primeira delas, achéganse 6000 euros a seis curtas sobre proxectos: Gran Sol de Adrián Canoura, Desembocadura de Dani Viqueira, Caderno de Ana Domínguez, Maloserá de Santiago D. Risco, Xineceo de Laura Cotelo Bouzas e Nese momento o amor foi escuro e só puiden chorar de Aldara Pagán. A modalidade B2 incorporouse este ano para atender curtas en construción, gravadas en versión orixinal galega e que realizan os seus traballos de posprodución en Galicia. As beneficiarias neste caso foron Anatomía dunha serea, de Belle Films and TV e dirixida por Adriana Páramo, e Somnia, de Coven Films e realización de Diego R. Aballe.

En canto ás longametraxes, cóntase cunha dotación de 90.000 euros, que se distribúe a partes iguais entre tres proxectos en versión orixinal galega, de especial valor artístico e creativo e con realización novel, a cargo dunha persoa que non dirixise ou codirixise máis de dúas longametraxes cualificadas para a súa explotación comercial en salas de exhibición cinematográfica. É o caso de A unidade componse da desorde, de Álvaro Liste; Ödland, con producidón de Milpinton Filmes e dirección de Otto Roca, e Aurora, de Gaita Films e con Area Erina na realización.

Completan esta relación de proxectos subvencionados dúas webseries, dentro doutra das novas modalidades incorporadas este ano: A arte de ser (mal) pai, de Miraveo Assets e dirixida por Jorge Boquete, e a segunda temporada de Amnesia 3.0, de Aqueladas e a directora Irene Pin. Cada unha delas recibirá unha subvención de 15.000 euros.