15 octubre, 2021
A iniciativa, impulsada pola Deputación e a Coordinadora Galega de ONGD, conta cunha colección de relatos á que se engaden as historias das activistas Haydée Castillo e Bea Salazar.
“Defensoras de dereitos” tamén contará nesta edición con obradoiros en institutos, presenza na feira Culturgal e un encontro online coas protagonistas dos novos relatos.
O proxecto “Defensoras de Dereitos”, impulsado pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD, chega a súa terceira edición co fin de seguir visibilizando, recoñecendo e poñendo en valor a loita das mulleres ao redor do mundo na defensa dos Dereitos Humanos. Durante os meses de outubro, novembro e decembro levaranse a cabo unha serie de actividades que xirarán en torno á colección de libros homónima ao proxecto: obradoiros en institutos da provincia, a presentación dos novos títulos da colección na feira Culturgal e un encontro coas protagonistas dos libros e a autora dos mesmos, a xornalista marinense Lara Dopazo.
A colección “Defensoras de Dereitos” veu a luz o ano pasado con tres títulos aos que agora se engaden dous novos relatos protagonizados por mulleres que romperon os moldes establecidos e traballan a prol do cambio social en Mesoamérica: Haydée Castillo e Bea Salazar. As súas historias, xunto ás de Miriam Suazo, Estela Ángeles Mondragón e María Cuc Choc, (protagonistas dos primeiros títulos), axudan ao público xuvenil a coñecer o contexto social e político que provoca as situacións de desigualdade, e inxustiza que afrontan as mulleres destes países. A obra conta con ilustracións de Marta Conde e o colectivo de arte gráfico mexicano Rotmlnas, e ademais da versión impresa os primeiros títulos xa están dispoñibles de xeito online no sitio web da Coordinadora.
Durante os meses de outubro e novembro varios institutos da provincia de Pontevedra acollerán unha serie de obradoiros, nos que o alumnado abordará as distintas temáticas en torno ás que xiran os tres primeiros libros da colección. Deste xeito, o feminismo, a defensa do territorio e a dos dereitos das poboacións indíxenas serán os temas que se tratarán en centros como o IES Castro Alobre (Vilagarcía), IES Pintor Colmeiro (Silleda) ou o IES do Barral (Ponteareas).
Alerta