As emprendedoras galegas poden solicitar ata o 16 de agosto as axudas de ata 42.000 euros do programa Emega

Compartir
11,30 h.- A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitará O Atelier de Ana Prado, unha das empresarias beneficiarias do programa Emega da Xunta para o emprendemento feminino, onde informará da convocatoria 2021. foto xoán crespo 14/07/2021

A intensidade da axuda varía en función dos postos de traballo feminino xerados

As mulleres emprendedoras galegas poden solicitar ata o próximo 16 de agosto as axudas da nova convocatoria do programa Emega de emprendemento feminino, dotado con 3,2 millóns de euros, un 54% máis que no ano anterior, e que acada este ano o seu orzamento máximo.

O programa está integrado por catro liñas: Emprende, para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas; Activa, que busca a reactivación e consolidación de proxectos empresariais; ITEF, para a posta en marcha de novas iniciativas empresariais de carácter innovador no eido da investigación e da tecnoloxía; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para favorecer a conciliación tanto das promotoras como das persoas traballadoras ao seu cargo.

A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000, baremados en función da liña solicitada e do número de postos de traballo (de un a máis de catro) ocupados por mulleres nestas empresas. Para minimizar os efectos da covid-19 a Xunta decidiu incrementar este ano en 2.000 euros todos os incentivos, coa finalidade de chegar a maior número de empresarias e favorecer un emprendemento máis estable.
Para resultar beneficiarias do programa Emega, as mulleres emprendedoras deben liderar unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia e deben ter, entre outros requisitos, vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente.

O pasado 2020 o programa permitiu apoiar a cifra récord de 197 iniciativas empresariais de mulleres e a creación ou mantemento de 323 postos de traballo femininos. Desde 2009, o Goberno galego leva investidos cerca de 11 millóns de euros no programa, que alumeou 900 proxectos empresariais femininos que permitiron crear 1.416 postos para mulleres.