As escolas deportivas municipais retómanse con 5.000 prazas e 36 modalidades

Compartir
Foto de arquivo dunha entrega de material aos clubes que cooperan coas Escolas Deportivas. Fonte: Concello

As escolas deportivas comezarán a funcionar o 22 de novembro, con 5.000 prazas e 36 modalidades deportivas. Nesta ocasión son 56 os clubs participantes e o período de inscrición comeza ao próximo venres, 29 de outubro.

 

O próximo venres, 29 de outubro abrirá o prazo de inscrición para as escolas deportivas municipais. Poderá facerse de xeito telemático e presencial e os días distribuiranse por modalidades deportivas con 5.000 prazas en total. Os cursos comezarán o 22 de novembro e rematarán o 31 de maio.

Tal e como explicou o rexedor, o importe do programa é de 460.000 euros, 65.000 máis que o ano pasado, e o prezo da matrícula é de 34,78 para todas os deportes, excepto natación sincronizada, remo, piragüismo, vela, kaiak e waterpolo, que ascende a 89,60. Este ano, haberá 3.000 nenos que non pagarán matrícula para compensar aos que a abonaron o ano pasado xa que non solicitaron de devolución unha vez paralizado o curso por covid.

Son 36 modalidades deportivas, o que suporá o uso de todas as instalacións da cidade. Patinaxe, natación artística, baloncesto, ximnasia artística e rítmica, tenis, squash, natación sincronizada, remo, piragüismo, vela, kaiak, waterpolo, bádminton, atletismo, baile deportivo, balonmán, ciclismo, ciclismo BTT, esgrima, fútbol, fútbol sala, fútbol gaélico, hockey patíns, hockey línea, hoceky herba, hip hop, iudo, karate, loita olímpica, taekwondo, tenis de mesa, tiro con arco, triatlón, voleibol, xadrez, ximnasia acrobática e campa elástica. Este ano son 56 os clubes participantes, dous máis que no ano pasado.

Co cambio da normativa sanitaria da Xunta, os usuarios dos pavillóns e instalacións deportivas municipais poderán usar os vestiarios e as duchas ata o 75% da súa capacidade, mantendo 1,5 m de distancia e coa recomendación de permanecer o mínimo tempo posible no vestiario. Respecto da asistencia de público, o aforo é do 80% en interiores e do 100% no exterior. Concretamente, os límites decretados pola autoridade sanitaria son os seguintes: Pavillón Travesas: 2480, Pista vermella, 288; Pavillón Carmen, 384; Bouzas, 409; Coia, 352; Valadares, 256; Navia, 1169; Pista Balaídos 1 e 2, 108; Bembrive, 260; Candeán, 240; Lavadores, 172; Teis: 272; Frontón, 264; Berbés, 280; Coruxo, 256; Squash Balaídos, 40; Campos de fútbol e pistas atletismo,100%.