12 agosto, 2021
O grupo vilagarcián Clámide celebra o seu 40 aniversario coa representación de “O enfermo imaxinario” no marco do programa do Festaclown
Vilagarcía de Arousa, 12 de agosto de 2021.- Vilagarcía inicia mañá, venres 13 de agosto, as tradicionais festas de San Roque cun intenso programa de actividades lúdicas e musicais para públicos de todas as idades e de todos os gustos. Serán dez días de festexos (ata o domingo 22 de agosto) que arrancan mañá, ás 20.00 horas, na Praza de Ravella coa tradicional lectura do pregón a cargo dos membros do Arosa S.C. O teatro do grupo Clámide e o concerto de Fuel Fandango completan a axenda deste primeiro día das festas.
Como vén sendo habitual, e máis aínda dende a pandemia cando se puxo en marcha a campaña “Son da Casa”, o Concello segue apostando polas entidades e grupos locais á hora de deseñar o programa das festas. A primeira mostra disto é a elección da persoa ou persoas encargadas de realizar a lectura do pregón, honra que nesta ocasión recae no club de fútbol Arosa S.C., que este ano conmemora o seu 75 aniversario e que vén de conseguir o ascenso á competición nacional 2ª Real Federación Española de Fútbol (RFEF).
Tamén “da casa” é o Taller de Teatro Clámide, que este ano cumpre 40 anos de traxectoria. Con motivo desta celebración, Clámide retoma un dos seus espectáculos máis representados, a adaptación do texto do dramaturgo francés Molière, “O enfermo imaxinario”, obra que representan mañá no Salón García a partir das 21.30 horas. Esta comedia en tres actos escrita en 1673 relata a historia dun pai hipocondríaco que, ao crerse moi enfermo e por interese propio, trata de casar a súa filla cun médico. Máis a criada, en complicidade co irmán do pai, artellará un complicado e divertido plan para impedilo.
A entrada á función é de balde ata completar aforo. É necesario presentarse 20 minutos antes do inicio da función para permitir o control de acceso necesario segundo os protocolos sanitarios.
O primeiro concerto das festas tamén lugar mañá no Parque da Xunqueira ás 23.00 horas. Correrá a cargo de Fuel Fandango, dúo formado polo produtor canario Alejandro Acosta e a cantante cordobesa Cristina Manjón e que se caracteriza pola súa mestizaxe musical e atemporal. No concerto de mañá presentan o seu cuarto disco “Origen”, que alberga as vertixes deste século e á vez é unha invitación para volver á natureza e ao amor como salvavidas de todo. Unha viaxe emocional dualista onde os sons urbanos, flamencos, africanos e de raíz convidan a ser libres. A súa proposta está impecablemente vestida nuns temas que teñen como esqueleto a percusión africana, a guitarra española, o caixón flamenco e a música urbana. Letras e melodías mostran que o futuro tamén é pasado, que tal vez á modernidade só sobrevive volvendo á orixe.
A entrada é de balde con invitación que hai que retirar a través da web www.woutick.es. A día de hoxe as entradas están esgotadas, aínda que se recomenda as persoas interesadas continuar visitando a web por si se rexistran devolucións.
Alerta