As hortas urbanas continúan a xerminar en Pontevedra, coa apertura dun novo verxel comunitario

Compartir
Horta urbana. Fonte: Concello

A Concellería de Desenvolvemento Sostible destinou unha achega de máis de 30.000 euros á creación desta área de cultivo, que se suma ás existentes en Monte Porreiro e Conde de Bugallal.

Os adxudicatarios da explotación das parcelas, acondicionadas pola empresa de inserción laboral Feito, xa dispoñen das chaves para comezar a traballalas. Hai 12 persoas en lista de agarda.

 

As hortas urbanas continúan a xerminar na nosa Cidade. A rúa Ernesto Caballero vén de estrear unha nova área de cultivo que suma 19 bancais municipais, (dous máis dos 17 previstos inicialmente no proxecto), aos 37 xestionados polo Concello en Conde de Bugallal, no barrio da Parda, e aos 22 existentes no contorno do Mirador, en Monte Porreiro. Tódolos espazos están xa asignados e os adxudicatarios da explotación das parcelas, acondicionadas pola empresa de inserción laboral Feito Pontevedra, xa dispoñen das chaves para comezar a traballalas e desfrutar de produtos kilómetro 0, cultivados por eles mesmos.

A nova horta urbana, situada entre Ernesto Caballero e as vías do ferrocarril (ao seu paso pola rúa José Malvar), foi realizada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, grazas a un investimento de máis de 30.000 euros, que permitiu instalar 19 bancais de 14 metros cadrados, dispostos con achegas de terra vexetal e compost. O proxecto incluíu a colocación dun peche perimetral de dous metros de altura, cun portón de acceso pechado con chave, (só os usuarios dispoñen de acceso), unha billa e un sistema automatizado de rego por goteo cun programador.

 

Horta. Fonte: Concello

 

Ata o verxel comunitario desprazáronse esta mañá o Tenente de Alcalde, Tino Fernández; o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e a Edil de Promoción Económica, Yoya Blanco, quenes supervisaron o excelente resultado desta intervención e puideron comprobar como empezan a agromar as primeiras plantacións. Tal e como constatou Tino Fernández, “a nova horta ecolóxica quedou acondicionada con tódolos elementos necesarios para a súa explotación, contando incluso cun composteiro para o tratamento dos residuos agrícolas que permite completar o ciclo da materia orgánica dentro da propia finca”. “É unha ledicia poder verificar o crecemento deste tipo de hortas e, sobre todo, a crecente demanda dun servizo que permite cultivar hortalizas frescas sen saír da cidade”, sinalou o socialista.

Iván Puentes salientou que, dado que a finca carecía de auga, os traballos tamén contemplaron a execución dunha acometida desde a rúa Ernesto Caballero por parte da concesionaria Viaqua. Segundo explicou, “as obras incluíron a achega de material para acadar un solo o máis plano posible, a adecuación de zonas comúns e de paso mediante un aporte de zahorra e a compactación do pavimento das mesmas, a subministración dunha serie de ferramentas de uso agrícola para o emprego comunitario dos usuarios, e a colocación dunha caseta para gardar o material de traballo e dun cartel coas normas de utilización dos bancais”.

 

Horta urbana. Fonte: Concello

 

“As concesións outorgáronse por orde da lista de agarda e a explotación da horta desenvolverase ao longo de todo o ano, coa realización de diferentes cultivos, tanto de inverno como de primavera/verán. A nosa intención é que, ao igual que aconteceu cos bancais do Mirador de Monte Porreiro e a Finca de Conde de Bugallal, as dinámicas de xestión dos bancais poidan complementarse con talleres e charlas formativas”, avanzou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible.