O Concello de Bueu e a Asociación de Hostalaría da vila, coa colaboración da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo), organizan do 7 ao 10 de marzo as “II Xornadas gastronómicas en feminino Bueu”, unha iniciativa que se desenvolve por segundo ano consecutivo para poñer en valor o papel das mulleres na cociña. Coa vista posta no 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, un total de quince locais da vila crearán as súas propias tapas inspiradas na cociña de Toñi Vicente, muller pioneira na profesionalización da cociña e na visibilización feminina na hostalaría, e á que se lle renderá unha homenaxe.
A iniciativa busca visibilizar o papel das mulleres cociñeiras, que constitúen máis do 80% das cociñas de restauración, ademais de seguir dinamizando a gastronomía da vila,
que é unha das máis potentes da comarca.
Os locais hostaleiros que participarán este ano son Pyramis, Volver, Casa Quintela, O Ratiño, Noite Tapas, Morriña, O Farol, Esmorga, Centoleira, Casa Videira, Buena Vibra, Baiuca, Aturuxo, Zarzamora e A Cepa, que ofrecerán tanto ao mediodía como á noite tapas a un custe de 3.50 €, nas que expresarán o seu coñecemento da cociña de
Toñi Vicente.
Ao longo dos próximos días, o Concello de Bueu irá desvelando nas redes sociais Instagram e Facebook os nomes das tapas, así como as descricións dos seus ingredientes. A campaña, que está deseñada para xerar un gran impacto visual e chegar a moitas franxas de poboación, busca unir a gastronomía e os produtos locais coa reivindicación da igualdade entre mulleres e homes.