As mulleres represaliadas na Guerra Civil protagonistas en Tomiño da performance do programa da Deputación “Violencia Zero”

Compartir

A actriz e directora Esther F. Carrodeguas transmitiu a enorme dimensión do aldraxe que sufriron aquelas mulleres nunha acción que estremeceu á praza do Seixo

A crueza con que foron violentadas as “rapadas”, as mulleres aldraxadas durante a Guerra Civil, foi sentida hoxe de cheo na praza do Seixo de Tomiño coa performance “Sinais”, que a actriz, directora e escritora Esther F. Carrodeguas puxo en escena no marco do programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. Ao acto asistiron a deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso, xunto á alcaldesa Sandra González, e foi retransmitido a través da web da Deputación e do Concello, así como polas redes sociais.

O inquietante son das tesoiras afiadas e a rapa e o rachado das vestiduras dunha boneca serviulle a Carrodeguas -acompañada pola música electrónica de Juanma Lodo- como introdución para citar os nomes e as historias dunha vintena de mulleres represaliadas e para transmitir a enorme dimensión deste castigo ás mulleres e o seu impacto social, tomando como referencia a exposición da Deputación “Rexas, mulleres baixo o terror franquista”. Mulleres que foi citando cada vez máis apresa, con nomes e apelidos, como Juana Otero, a quen lle tatuaron na fronte as siglas UHP (Uníos Hermanos Proletarios); Lola Cerqueiro, rapada, secuestrada e violada ou as irmás Monterrat e Maruja Abuín, vexadas e rapadas, entre moitas outras. Mulleres que, como finalizou dicindo case sen alento Carrodeguas, “tiveron que estar ao servizo dos vencedores” e que foron castigadas e masacradas “por anticlericais, por facerse visibles, por incitación á rebeldía, por non ser boas mulleres e non subordinarse ao home, por deixarse levar polo diaño, por ter vidas retorcidas…”. A artista freou en seco para concluír que, aínda que tiveron que ficar sen identidade e non todas sobreviviron, “foron elas as gardadoras da nosa esperanza”. “A herba fresca que crece nos bordes da estrada, esa liña verde entre o asfalto son elas, as nosas rapadas”, remachou.

Na súa intervención, a deputada Victoria Alonso instou á veciñanza a reflexionar sobre a necesidade de “mobilizar conciencias” para mudar a sociedade e terminar dunha vez coa lacra da violencia machista que, como lembrou, volveu cobrarse esta semana unha nova vítima que deixa dous menores orfos. Con ela son xa 22 as asasinadas este 2021 e a deputada insistiu en que “hai que seguir traballando para conseguir a violencia cero que pretendemos”, neste caso a través de accións culturais que permitan “reflexionar e que entre todos e todas poidamos recapacitar sobre o que estamos a vivir e aportar o noso grao de area para frear esta violencia, que non só ataca ás mulleres, senón tamén ás e aos máis pequenos para facerlle dano ás mulleres”. “A violencia pode ser física, psicolóxica, pero tamén é un ataque a todas as familias que se ven prexudicadas “, indicou, ao tempo en que incidiu en que “unha muller é libre de decidir, de ir onde desexe, de saír, de entrar, como vestir, de decidir onde quere traballar, e un home non pode decidir sobre ela. Somos libres, somos o 52% da sociedade e só reclamamos o que nos pertence, os nosos dereitos; os mesmos dereitos dos homes”.

Na mesma liña pronunciouse a alcaldesa Sandra González que remarcou que as mulleres asasinadas “son máis que un número, teñen familia, deixan fillos e fillas, e temos que sumar o cruel asasinato de nenas e nenos co único obxecto de facer dano á súa nai”. “É realmente unha lacra insoportable para unha sociedade que día a día esteamos a contabilizar mulleres asasinadas e nenos e nenas que pagan coas súas vidas o dano que un home quere facer a unha muller”, lamentou. A rexedora agradeceu á Deputación o desenvolvemento deste programa cultural para “trasladar ás rúas e ao espazo público esta reflexión, que tamén quere ser artística, non só de palabras”, e destacou o feito de que a institución provincial “leve o selo violeta e selo da igualdade , marca da casa e da presidenta Carmela Silva, que imprime ese carácter feminista que ata a súa chegada non existía” . “Agradezo que esta sexa unha Deputación en busca da igualdade, unha Deputación feminista, e agradezo que traia este espectáculo para concienciar, para crear arte e reflexionar a fin de que consigamos unha sociedade máis igualitaria, máis xusta na que sexa efectivo este lema de Violencia Zero”.

No acto repartíronse tamén entre o público as máscaras das artistas Gemma Marqués, Lara Lars e Laura Romero que forman parte tamén das accións de “Violencia Zero”. A de Tomiño é a décimo quinta das 25 actividades do programa que este ano chegarán a outros tantos concellos da provincia para visibilizar as violencias machistas, así como o traballo das mulleres artistas galegas que loitan pola igualdade.