11 noviembre, 2024
Onte remataron co broche final da Gran Degustación no Pazo de Mos, durante a que se lle fixo un merecido recoñecemento a Tomás do restaurante Adega da Tía Carmen, pioneiro da iniciativa
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, fíxolle entrega onte do símbolo da rosa de Mos a Tomás Alonso, do restaurante Adega da Tía Carmen en Louredo, durante o acto central da xornada da Gran Degustación coa que se clausuraron as XX Xornadas Micolóxicas e Forestais do Concello de Mos.
Este ano, desde a organización do evento, decidiuse facerlle unha homenaxe a Tomás de Adega da Tía Carmen “por ser o pioneiro da iniciativa. Xa que é o único que leva participando, sin excepción, durante os 20 anos de celebración das Xornadas. E sempre promovéndoas e impulsándoas”, segundo explicaba onte a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, quen tamén destacou “os 20 anos de traxectoria, as 2 décadas de historia desta celebración senlleira”, polo que agradeceu “a colaboración, para que tantos anos de vida desta celebración fosen posibles, entre Concello de Mos, Asociación de Hostaleiros de Mos, BaRes Mos, Comunidade de Montes de Mos, Fundación Pazo de Mos, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra”.
Tomás Alonso é un restaurador mosense cunha peculiar e interesantísima traxectoria profesional. Comezou a súa vida profesional como chapista, chegando incluso a abrir un taller propio en Mos. Logo marchou a Estados Unidos para traballar en cruceiros que navegaban polo Caribe como camareiro e asistente de metre. Cando regresou, para axudar á súa nai e á súa tía, decidiu abrir na casa familiar, onde el naceu, o restaurante Adega da Tía Carmen (nome en honor á súa tía). A idea surxiu contemplando a lareira. Creu que podía ser un bo reclamo para os clientes que puideran ver como se cociña nela. E así naceu o seu restaurante hai case 30 anos.
Xunto con Alfredo de Casa Alfredo foron os fundadores destas Xornadas que ao principio consistían nunha semana de degustación en cada un dos restaurantes participantes.
Tomás se sinte enormemente orgulloso de contribuír a que estas Xornadas fosen mellorando ao longo de 20 anos. De aportar novas ideas para que así fose. De formar parte de “facer algo grande por Mos”, como el mesmo di.
E asegura que para el a experiencia máis bonita nestes 20 anos de Xornadas foi a primeira vez que se fixo a Gran Degustación no Pazo de Mos, e ver como a iniciativa se convertía nunha gran celebración popular.
O restaurante Adega da Tía Carmen, atópase situado ao carón da Estrada Nacional 550, onde apostan pola tradición culinaria desde o ano 1995, querendo ser un recuncho de tradición e sabor. A súa historia ten as súas raíces nunha familia apaixonada pola boa comida. Desde a súa apertura, dedicaron case 3 décadas a perfeccionar a artesanía da boa mesa que os define hoxe. Son unha familia comprometida coa preservación da auténtica cociña galega e brindan aos seus comensais unha experiencia que lles faga sentir como na casa.
Os pratos a base de setas de Adega da Tía Carmen que onte se puideron degustar na Gran Degustación das XX Xornadas Micolóxicas de Mos foron: empanada de millo con setas e castañas (vegano), empanada de trigo con setas e castañas, croquetas de millo con setas e castañas e empanadillas de setas con castañas (vegano).
Alerta