12 agosto, 2021
O Concello de Ribadumia asigna 669’44€ a cada un dos solicitantes da axuda directa aprobada pola Deputación Provincial ós sectores directamente afectados pola pandemia do Covid-19
O pasado día 3 de agosto constituíuse formalmente a Comisión de Valoración para analizar e facer a correspondente proposta de repartición da axuda directa aprobada pola Deputación Provincial para aqueles sectores máis directamente afectados pola pandemia do Covid-19, da que ó Concello de Ribadumia lle corresponderon 14.727’62€ e cuias bases foron aprobadas en pleno extraordinario o 20/04/2021.
Logo da súa publicación no BOPP e rematados os prazos legais de alegacións das bases e de solicitude da axuda, formalizáronse 24 peticións (2 fóra do prazo establecido) que foron avaliadas nesa 1ª reunión da comisión, acordando facerlles o correspondente requirimento a 4 solicitantes por falta de documentación ou por estar esta incompleta
Unha vez presentada esta, convocouse novamente a Comisión de Valoración para o día 11 co fin de realizar a proposta definitiva e elevala á aprobación da vindeira Xunta de Goberno municipal para que, logo de achegar as xustificacións necesarias, se poida proceder ó pagamento das axudas.
Finalmente, a proposta realizada polos representantes de IR e do Psoe (non asistiu a esta reunión da Comisión de Valoración ningún representante do Partido Popular nin de Somos Ribadumia) suporá que lle serán transferidos a cada un dos solicitantes que cumpriron os requisitos 669’44€.
Esta cantidade, que vai axudar dalgunha maneira a aliviar a situación económica dos beneficiarios, queda supeditada, segundo as bases aprobadas, á correspondente xustificación do gasto e ó compromiso de pagar, de ser o caso, as débedas que poidan ter contraídas co Concello. Así mesmo, o seu pagamento queda tamén supeditado á recepción da citada axuda provincial de 14.727’62€, da que xa se pediu o adianto no pasado mes de xuño e da que se espera que se faga efectivo o ingreso nas vindeiras semanas.
Alerta