Barro saca a licitación a redacción do proxecto construtivo da nova EDAR municipal no lugar do Carballal

Compartir
Edar en Barro. Foto: Concello

O Concello de Barro inicia o proceso de licitación da redacción do proxecto construtivo da nova estación de tratamento de augas residuais (EDAR), coa que se chegará co servizo de saneamento a todas as parroquias

A elaboración deste proxecto é un paso máis no obxectivo de estender este servizo á maior parte das vivendas do concello, xa que a día de hoxe, exceptuando a veciñanza do núcleo urbano, só teñen acceso á rede de sanemaento de augas residuais,  poucas vivendas da parte rural do municipio.

Hai dous anos o Alcalde asinaba a compra por valor de 53.000 euros dunha parcela no lugar do Carballal de máis de 7.000 m2, a carón da N-550, cuxa localización está avalada por un estudo técnico, para albergar unha EDAR moderna que dea servizo a todo o Concello e que, ademais, poida ter capacidade para máis vivendas que das actuais, contemplando a posibilidade de crecemento a largo prazo do municipio.

O orzamento base de licitación é de 44.788,09 euros. As empresas licitadoras interesadas en concursar deberán presentar as súas ofertas, obrigatoriamente a través da ferramenta de preparación e presentación de ofertas de licitación electrónica.

O Goberno municipal márcase como obxectivo que unha vez estea finalizada a redacción do proxecto, e calculado o valor da infraestrutura, comezar a buscar financiamento doutras administarcións para que sexa unha realidade máis pronto que tarde.