Berro de solidariedade do Concello de Bueu en defensa da muller afgá

Compartir

Manifesto do Concello de Bueu ‘defendamos á muller afgá’

Dicía Simone de Beauvoir que non debemos esquecer xamais que bastará unha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das mulleres volvan ser cuestionados. Estes dereitos nunca se dan por adquiridos, e por iso debemos permanecer vixilantes toda a nosa vida.

Estamos observando como se cumpre esta idea co que está a acontecer estes días en Afganistán, onde os talibán tomaron o poder, unha traxedia para toda a cidadanía afgá pero en especial para as mulleres que, de novo, volven verse sometidas a unha perda de dereitos, eses dereitos que tanto custou conseguir e dos que aínda queda un longo camiño por diante.

Ante isto, a sociedade internacional non pode ficar indemne, debemos sumarnos e berrar ben alto, apoiar as reclamacións das mulleres afgás porque son as nosas, e non podemos retroceder un paso atrás.

Dende o Concello de Bueu sumámonos a estas reivindicacións con esta concentración e apoiamos o manifesto que impulsaron dende a Asociación para a igualdade de xénero na cultura ‘Clásicas y Modernas’ e as xornalistas Gabriela Cañas, Soledad Gallego – Díaz, Rosa Montero e Maruja Torres. Este manifesto, baixo o lema de “Abride as portas a Afganistán e ás afgás”, é un berro de solidariedade:

Nós, mulleres de todo o mundo, conscientes de que a nosa reivindicación de igualdade é inseparable da liberdade e a dignidade das persoas que hoxe están grave e brutalmente ameazadas en Afganistán, e conscientes, tamén, de que as ameazas dirixidas contra as afgás polo simple feito de ser mulleres suman unha crueldade intolerable e adicional á que padecen os afgáns de calquera condición, facemos un chamamento urxente á comunidade internacional para que:

1- Esixa do poder talibán manter abertas as fronteiras para que todas as persoas que desexen abandonar Afganistán fuxindo dun poder fanático imposto pola forza das armas poidan facelo nunhas mínimas condicións de seguridade.

2- Respecte os deberes elementais de solidariedade e compaixón humana admitindo nos voos e convois de repatriación de estranxeiros ao maior número posible de afgáns e especialmente afgás en perigo inminente, teñan estado ou non ao servizo de Estados ou institucións que os talibáns consideran inimigos.

3- Preste unha atención preferente ás mulleres en especial situación de risco, sexa por ter desempeñado tarefas profesionais prohibidas polos talibáns, asistido a escolas e universidades, conducido a súa vida ao marxe dunha moral fanática ou calquera outro motivo.

A esixencia de que o poder talibán manteña abertas as fronteiras a quen desexen abandonar Afganistán conleva o compromiso simétrico por parte dos membros da comunidade internacional, e que nós tamén reclamamos con enerxía, de acoller aos refuxiados e refuxiadas de Afganistán, colaborando no seu caso a aliviar a presión que un éxodo masivo podería supoñer sobre os países limítrofes”.