BNG reclama a RENFE manter o tren directo entre Ponferrada e Vigo

Compartir
Néstor Rego, deputado do BNG polo Congreso
Néstor Rego, deputado do BNG polo Congreso

Néstor Rego exixe que se cubran as necesidades de persoal e se repoña o material rodante para recuperar todas as liñas e frecuencias que foron suspendidas co gallo da crise da COVID-19.

A formación nacionalista urxe a facer os investimentos precisos para lograr un verdadeiro servizo de proximidade ferroviario na Galiza e evitar a perda de servizos para a veciñanza do rural.

O BNG denuncia un novo recorte dos servizos ferroviarios na Galiza tras coñecer a decisión do executivo estatal de suprimir o tren directo entre Ponferrada e Vigo. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama que se manteña esta liña e a recuperación de todas as conexións suspendidas pola pandemia. Urxe ademais a dotación do persoal e medios necesarios para manter un servizo ferroviario adecuado, así como unha baixada no prezo dos billetes do tren AVANT que conecta as principais cidades da Galiza.

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso.

Máis unha vez a formación nacionalista reclama a reactivación de todas as liñas que foron suprimidas pola pandemia xerada pola COVID-19. A liñas suprimidas como a de Ourense-A Coruña das 6.45h, súmaselle agora a decisión de Renfe de suprimir a liña directa entre Ponferrada e Vigo con saída ás 6.15h e con chegada a Guixar ás 11.27 h. Con esta supresión os principais núcleos do sur de Lugo, Ourense e Pontevedra perderán unha das súas principais conexións ferroviarias, un servizo esencial no día a día da súa veciñanza.

“Esta liña ferroviaria conecta non só Vigo con Ourense e Ponferrada, senón que da servizo a veciñanza de vilas como O Barco de Valdeorras, A Rúa, Monforte, Ribadavia, Salvaterra, O Porriño e Redondela que veranse privados dun servizo básico como é o transporte ferroviario” denuncia o deputado do BNG no Congreso. Coa supresión da conexión directa as persoas usuarias que viaxen a Vigo desde Ponferrada ou mesmo Valdeorras tardarán dúas horas máis no traxecto. “De catro horas e media, a viaxe pasará a seis horas en media por ter que facer un transbordo en Ourense” recrimina Rego.

O deputado do BNG no Congreso sinala que o executivo estatal está a realizar “o desmantelamento dos servizos ferroviarios na Galiza cunha folla de ruta calculada para seguir pechando estacións e suprimir liñas”. Unha estratexia que, para a formación nacionalista, parte dunha “visión centralista que prima as conexións con Madrid e deixa esmorecer os servizos ferroviarios do interior da Galiza”. O Goberno do Estado non está a favorecer que o transporte ferroviario sexa “atraínte para potenciais usuarios e usuarias” así como tampouco permite que os cidadáns habituais do transporte público “continúen a empregalo pola suspensión dos servizos”.

Por este motivo, o deputado nacionalista reclama o mantemento do tren directo Ponferrada-Vigo, así como a reposición do resto de liñas e frecuencias que foron suspendidas durante a pandemia do coronavirus, como é o caso da ligazón das 6:45 entre Ourense e A Coruña con parada en Santiago, para “conectar de maneira adecuada as cidades e vilas da Galiza e dotar de persoal suficiente os servizos ferroviarios do País”.

Pular por un medio de transporte sustentábel

A formación nacionalista defende a conexión ferroviaria entre as principais vilas e cidades do país porque “é un medio de transporte sustentábel. O deputado recrimina que o executivo español “ten abandonadas as infraestruturas ferroviarias, particularmente as de conexión interior e a suspensión desta liña é un exemplo máis. Mentres no resto do Estado o Goberno inviste para modernizar o transporte de proximidade, tanto de transporte como de viaxeiros, na Galiza non existen aínda conexións entre as diferentes cidades, mais para o Ministerio segue sen ser unha prioridade”.