Boas novas no camiño: a posta en valor da cultura a través dos territorios galegos

Compartir

A Asociación de Profesionais da Xestión Cultural, presentou hoxe no Consello da Cultura Galega Boas novas no Camiño, o ciclo de xornadas para a divulgación das boas prácticas culturais en diferentes territorios galegos polos que pasa o Camiño de Santiago, no marco do programa de O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

A iniciativa que se desenvolverá en tres vilas e unha cidade atravesadas polos diferentes Camiños, terá lugar os próximos 3, 10, 17 e 24 de setembro nas localidades de Lugo, Tui, Ribadavia e Betanzos, onde se organizarán conversas e diálogos entre diferentes proxectos de ámbito galego, nacional e internacional, con carácter online e presencial.

A presidenta de AGPXC, Pilar Portela, presentou hoxe unha programación completa cun nexo común, establecer redes de colaboración con iniciativas culturais procedentes de diferentes países de forma que “estas xornadas sirvan para intercambiar coñecementos e compartir ideas entre proxectos galegos, estatais e europeos arredor da xestión das boas prácticas culturais”. O ciclo está dirixido tanto a profesionais como á cidadanía interesada.

A presidenta de AGPXC, estivo acompañada por Dolores Vilavedra, a secretaria do Consello da Cultura Galega, que acolleu o acto quen destacou “a liña de traballo da sustentabilidade na xestión cultural” que representa esta iniciativa. O acto contou ca participación de dous proxectos recollidos no Banco de Boas Prácticas da Asociación, representados por Samuel Diz, director artístico de Música no Claustro e por Belén Bermejo, directora do Festival Espazos Sonoros.

Samuel Diz, con motivo dos valores representados a traves de Boas novas no Camiño, sinalou que os “os espazos patrimoniais non se poden ver como un contentor, senón como espazos de creación de contidos porque lugares como catedrais ou mosteiros sempre foron centros de dinamización cultural”. Na mesma liña, Bermejo, desde Espazos Sonoros destacou estas xornadas como unha oportunidade de abrirse ao que acontece no resto do mundo, neste caso en europa”. Ademais, fixo fincapé na difusión do coñecemento a través dos valores do patrimonio cultural esquecendo o concepto de “espectáculo” para chegar algo máis “ás persoas cos nosos proxectos: vivencias, coñecemento, consciencia, compromiso…”

Ante esto, en representación do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, no que se enmarca o proxecto, a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira Marimón, describiu a iniciativa como “un estímulo para todas as persoas que traballan na xestión cultural”, e alabou a súa descentralización ao “levalas fóra dos grandes centros e eixos de produción cultural” xa que “hai que poñer o foco en outras cousas máis pequenas pero non menos interesantes.”

Desta forma, Boas novas no Camiño inicia en Lugo a primeira das xornadas co Arde Lucus como proxecto galego seleccionado, dentro do encontro Internacional sobre Festivais especializados na divulgación histórica que se celebrará no auditorio da Casa do Saber, da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. Este Festival foi escollido por constituir a perfecta conxugación entre ocio e cultura, como referente a nivel nacional, e cunha grande repercusión mediática e de afluencia de público, logrando o recoñecemento como Festa de Interese Turístico Galego. Este día tamén participarán representantes internacionais e nacionais como o Tarraco Viva en Tarragona, a Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas, e dende Francia as Journés romaines d´Arles de Arelate.

O día 10 celebrarase en Tui unha xornada informativa sobre as Sinerxías entre patrimonio cultural e ambiental no convento de Santo Domingo de Tui, no que se enmarca o Festival Sinsal, un dos festivais máis singulares de Europa como proxecto principal, a través do cal se ofrece unha experiencia completa dentro dun espazo único, a Illa de San Simón. Además, tamén contará ca presenza de Música no Claustro, e o proxecto portugués 23 Milhas.

Os días 17 e 24 completarase o programa coa presenza de proxectos destacados, en Rivadabia cun seminario que aborda as cidades como escenario a través das artes escénicas e que contará coa representación da Mostra Internacional de Teatro (MIT) da mesma localidade. Na última xornada, a do 24 de setembro, abordarase en Betanzos un foro sobre a relación da Cultura e da Gastromía na que participarán os proxectos galegos da Festa gastronómica da tortilla de Betanzos e o Festival Portamérica. Tamén asistirán iniciativas internacionais de Italia e Reino Unido.

Boas no camiño é unha proposta que pretende poñer en común os valores culturais de diferentes localizacións a través do Banco de Boas Prácticas para a Xestión Cultural para pór a disposición de xestores culturais, responsables de institucións culturais, cargos públicos con responsabilidades en políticas culturais, artistas, etc. exemplos inspiradores para poder traballar máis e mellor no ámbito cultural. Todo isto, a través de fundamentos baseados na accesibilidade, a sustentabilidade, a posta en valor do rural e a igualdade de xénero, entre outros.

As xornadas presentan un formato híbrido, presencial e online. Todas as persoas que desexen participar deberán inscribirse no enderezo electrónico info@xestoresculturais.gal para asistir presencialmente ou acceder ao streaming que se compartirá a través da Canle de Youtube de AGPXC