Bueu comeza os obradoiros de memoria

Compartir
Obradoiros de memoria. Fonte: Concello

Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, visitou este xoves un dos grupos do Centro Social do Mar.

Nos talleres participan setenta e sete persoas que realizarán exercicios de estimulación da memoria e de envellecemento activo.

 

Despois da ausencia no ano da Covid-19, o Concello de Bueu reanuda agora os obradoiros de memoria para maiores, un proxecto que se insire no marco do fomento das políticas sociais activas. As clases comezaron esta semana cun total de setenta e sete participantes que se dividen en cinco grupos. Os obradoiros desenvólvense no Centro Social do Mar, na Casa do Pobo de Beluso e nos próximos días sumarase un grupo novo no Centro de Interpretación de Agrelo, quedando cubertas desta forma todas as tres parroquias da vila.

Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, visitou este xoves un dos grupos que arrancou as clases de estimulación da memoria e de envellecemento activo, que contan cunha gran aceptación por parte da cidadanía da vila, e que forman parte do plan do goberno de fomento de políticas sociais activas. Os talleres impártense, como é habitual, por parte do Centro de Día Pescadoira e do Centro de Día Contigo, ambos de Bueu.

A través deles, os e as participantes seguirán as propostas de Estimulación Cognitiva, que buscan intervir nas funcións intelectuais que se poden ver afectadas nas persoas maiores. Así, realizaranse tarefas de debuxo, de construción de modelos, de xestos e mímica, de praxias cognoscitivas, actividades con música, exercicios sensoriais, e outros de relaxación e respiración. Todas elas ofrecen unha perspectiva integral ara lograr un envellecemento activo.

Dado o interese nesta iniciativa, dende o Departamento de Benestar Social anuncian que as persoas interesadas poden aínda presentar solicitudes de inscrición, coas que se creará unha bolsa de reserva para cubrir as prazas no momento no que se produza algunha baixa nos grupos agora constituídos.

Tal e como apunta Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, “estes obradoiros son agora máis necesarios ca nunca, sobre todo porque tras a pandemia se agravou o illamento social e o deterioro da saúde mental das persoas”.