Félix Juncal, alcalde da vila, e Carmen García, concelleira de cultura, destacan o “peso fundamental dos colectivos” e inciden na variedade de
propostas
Entre as actividades atópanse espectáculos de maxia, circo, contacontos, cinema, actuacións musicais, obradoiros, xogos de mesa, futsal e moito máis
Os máis pequenos e pequenas recibirán as habituais visitas do Apalpador, de Papá Noel e dos Reis Magos
O Concello de Bueu presenta unha programación ampla e variada para este Nadal, moi centrada nas familias e nos eventos para compartir estas festas entre a cativada e as persoas maiores, e con propostas culturais e deportivas das que se poderá gozar do 15 de decembro ao 7 de xaneiro. Así o destacaron Félix Juncal, alcalde da vila, e Carmen García, concelleira de cultura, quen durante a rolda de prensa deste luns fixeron fincapé na aposta do goberno local polas actividades para todas as idades, e nas que tamén colaboran, como é habitual, os colectivos culturais e sociais, que teñen “un peso fundamental”.
A programación iniciarase este venres, 15 de decembro, coa inauguración da tradicional alfombra de Nadal que elaboraron as persoas integrantes da Asociación Cultural Cunchas e Flores. O acto terá lugar ás 20.30 horas na Sala Amalia Domínguez Búa e nel actuará o Coro María Soliña de Cangas. Ese mesmo día, ás 21 horas, o Cineclub Bueu proxectará O triángulo da tristeza de Ruben Östlund.
O sábado, o Club de Buceo Ons organizará unha xornada de bautismos de mergullo solidario coa que se unirán á campaña “Ningún neno sen xoguete”. A actividade desenvolverase a partir das 17 horas nas instalacións da piscina municipal da vila, e nela poderán participar, previa inscrición, as persoas de oito anos en diante, as cales deberán traer un xoguete novo ou de segunda man que se doará a unha ONG.
Esa mesma tarde a música coral será moi protagonista con dous concertos. Ás 18.30 horas, desenvolverase o XV Concerto de Nadal organizado polo Coro de Cela na Igrexa da parroquia; e ás 19.30 horas, será o concerto de vilancicos “Xa chega o Nadal”, que promove a Coral Polifónica de Bueu. O domingo continuará a música coral co Festival Encanto, da man da Coral Polifónica Beluso a partir das 19.30 horas na Igrexa Parroquial de Beluso.
O venres 22, a escritora viguesa María Oruña presentará na Sala Multiusos do Centro Social do Mar o seu último libro Los Inocentes, nun acto organizado pola Libraría Miranda que se celebrará ás 19 horas.
O sábado, no Pavillón Municipal de Beluso celebrarase un dos eventos novidosos deste ano, o Mercado de Nadal que organizan os colectivos da parroquia, como son Asbel, Asociación Cultura de Sanamedio e Novos Ventos. Así, entre as 10 e as 20 horas haberá produtos á venda e actividades culturais para todos os públicos como mostra de artesáns, actuacións, obradoiros, chocolatada, sorteos… Con esta proposta, dende os colectivos buscan amenizar a parroquia nestas datas de Nadal. Pola noite, ás 20 horas, o Centro Social do Mar acolle o concerto de Nadal da Banda de Música Artística de Bueu.
O domingo, día de Noiteboa, os máis pequenos e pequenas recibirán entre as 16 e as 19 horas a visita de Papá Noel no Centro Social do Mar. Ademais, tanto ese día pola tarde, como o 25 pola mañá, o grupo de Retrouso organizará o tradicional Bando de Nadal en Cela.