1 diciembre, 2021
O acto terá lugar ás 19.00 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, e contará con algúns participantes da guía.
Este libro foi elaborado polo Concello con fondos da Deputación de Pontevedra, e nel propóñense outras formas de entender a masculinidade.
O Concello de Bueu organiza hoxe, 2 de decembro, o acto de presentación da “Guía básica de corresponsabilidade e novas masculinidades”, que terá lugar a partir das 19.00 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar. Este libro, que se editou dende o Concello de Bueu con fondos da Deputación de Pontevedra, recolle os testemuños de José Castro, Luís Davila, Arturo Sánchez e Antón Guitián, e Félix Juncal, alcalde de Bueu.
Todos estes homes bueueses apelan a un concepto de masculinidade afastado da hexemónica, e reivindican a convivencia en igualdade coas mulleres. Tal e como apunta o rexedor no limiar a esta edición, “un dos principais problemas do feminismo, moi especialmente dos homes feministas, é a necesidade de ofrecer referentes masculinos que se afasten da masculinidade clásica ou hexemónica” e “só se poñemos as lentes violetas descubriremos ao machista que todos levamos dentro e que precisamos abandonar”.
O libro, que será agasallado ás persoas asistentes, propón masculinidades alternativas, nas que se debe realizar unha análise do alcance dos privilexios por parte dos homes e do impacto nas nosas vidas. Esta guía súmase, pois, a todo as iniciativas que se desenvolven dende hai anos por parte da concellaría de igualdade e do Centro de Información ás Mulleres (CIM), cuxo eixe vertebrador é o traballo dende a base, cos máis pequenos e pequenas.
Este acto pecha a programación organizada polo Concello de Bueu con motivo do Día Internacional Contra as Violencias Machistas e que incluíu proxeccións de filmes, concentración en repulsa das violencias machistas, obradoiros sobre igualdade para os centros educativos, e difusión de ‘cápsulas de igualdade’ na canle de YouTube do Concello.
Alerta