Caballero anuncia “unha gran homenaxe” aos deportistas paralímpicos polos seus éxitos en Toquio

Compartir

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recibiu na mañá deste mércores aos deportistas paralímpicos vigueses no Concello, aos que aplaudiu, tanto ao abrir o acto como ao pechalo, polos seus resultados nos Xogos de Toquio.

O rexedor, acompañado polo edil de Deportes, Manel Fernández, felicitou persoalmente a Susana Rodríguez Gacio (atletismo e triatlón, modalidade na que obtivo a medalla de ouro), Gustavo Nieves (atletismo), Agustín Alejos (baloncesto), Chano Rodríguez (natación), Martín de la Puente (tenis) e Juan Antonio Saavedra (tiro, medalla de bronce en rifle a 20 metros). Vicky Alonso, do equipo de baloncesto feminino, non puido acudir ao atoparse en Murcia por traballo e adestramentos.

Caballero díxolles que xa se considera “membro do voso club de fans”, confesando que o é de Martín de la Puente “dende cativo”, e tamén que foi o ano do meirande impacto “global dos deportistas paralímpicos vigueses nuns Xogos”.

O alcalde transmitiulles “a nosa felicitación e emoción, e que faremos un acto de gran homenaxe. A cidade está orgullosísima de todos, dende Susana Rodríguez Gacio, medalla de ouro paralímpica, e que está sendo unha muller cunha presenza absolutamente destacada en toda a prensa mundial polas súas actitudes deportivas, vitais e humanas e de enorme sensibilidade, a Juan, bronce, Agustín, Martín, Chano, Gustavo, Vicky…”.

No encontro, Caballero pediu aos deportistas que lle contasen as súas vivencias nestes Xogos da pandemia. Quería saber en primeira persoa da dureza dun evento tan importante. E para rematar lembrou que os Xogos de París 2024 están xa moi preto e e desexa ver a todos estos atletas de novo na cita máis importante do deporte mundial.