Caballero avala a “gran envergadura” do Vigo Tennis Open, un internacional júnior en Samil

Compartir
Durante a rolda de prensa, Abel Caballero recibiu unha camiseta de mans da organización. Fonte: Concello

O Alcalde de Vigo, Abel Caballero, saudou a aposta de Manuel Álvarez, “Noli”, e de Fernando del Barrio, para que Vigo reciba un torneo internacional júnior de tenis do 10 ao 16 do vindeiro outubro, no complexo deportivo municipal de Samil.

 

Dous cadros principais de 32 xogadores, (para categoría masculina e feminina), e a clasificatoria, (días 10 e 11), permitirán que á cidade acudan excelentes novas raquetas en busca de “unha boa bolsa de puntos”, explicaron os organizadores, ao disputarse dous torneos consecutivos na provincia, éste e outro en Sanxenxo días despois.

“É unha gran oportunidade para a nosa cidade porque durante unha semana contaremos en Vigo cos e as mellores tenistas junior do mundo”, dixo o Director deportivo do evento, Álvarez.

Caballero manifestou que “lanzar un proxecto desta envergadura é propio de grandes empresarios e de grandes amantes do deporte”, ademais de soster que o Concello “seguirá a ser un promotor do deporte, porque é unha cultura de vida”, e de felicitar o apoio do tecido empresarial ao tenis. “Vialia chega cun proxecto que vai revolucionar a cidade”, dixo, e á empresa CdeC definiuna como “o teorema do punto fixo: está en todas as celebracións deportivas que hai nesta cidade”.

Virán xogadores e xogadoras de alto nivel. Dende Leo Borg, número 27 na clasificación internacional, e fillo dunha lenda como Bjorn Borg, a Sofía Coustolas, número 23 na categoría feminina, e outras e outros. Chegarán raquetas de medio mundo, cuxa lista definitiva vaise coñecer a partir de mañá, pois hoxe se pecha o prazo de inscrición.

O Alcalde asegurou que este é “un proxecto sólido, unha idea brillante de longo percorrido”, que terá resposta Municipal: “O ano que vén estudaremos máis apoio”.