Caballero louva o “cartel excepcional” do Underfest, que arranca o sábado con Rigoberta Bandini

Compartir
O Alcalde, durante a súa intervención. Fonte: Concello

O Alcalde animou á cidadanía a presenciar os concertos que programa un festival que comeza este sábado con Rigoberta Bandini e as entradas esgotadas. Entre o 7 e o 12 de outubro, unha ducia de actuacións en distintos espazos da cidade, ofrecendo variedade de estilos e artistas recoñecidos.

 

O Auditorio Mar de Vigo acolleu este xoves a presentación do evento e dará cabida o sábado ao concerto de presentación da cuarta edición do Underfest Son Estrella Galicia, da man dun dos últimos fenómenos da escena musical en España, Rigoberta Bandini, con todo o aforo vendido. Na presentación deste xoves participaron o Alcalde de Vigo, Abel Caballero, o director do festival, David Lago, o director do Agadic, Jacobo Sutil e Juan Martínez, en representación de Estrella Galicia.

Os responsables do festival puxeron en valor unha “programación de primeiro nivel con artistas moi recoñecidos e variedade de estilos”, un cartel que condensa “diferentes gustos” para que todos os públicos teñan opcións de gozar de concertos de categoría. Lago mostrouse “moi contento” co resultado dun proxecto que traerá á cidade a xente de toda España, con varios concertos con entradas xa esgotadas nun evento “moi difícil” de organizar, á tenor das actuais circunstancias e protocolos derivados da pandemia.

A este respecto, Abel Caballero manifestou non compartir a decisión da Xunta de Galicia sobre os aforos para os espectáculos culturais e pediu para Vigo o mesmo modelo que Madrid, xa sen limitacións desde esta fin de semana. O Alcalde enxalzou o festival e animou á cidadanía a presenciar os concertos deste “gran cartel”, eso si, “mantendo a prudencia sempre”.

Tras Rigoberta Bandini, o Underfest Son Estrella Galicia programa o resto de actuacións entre os días 7 e 12 de outubro. O xoves 7 actúa Bflecha no auditorio municipal do Concello, mentres que o venres 8 haberá catro propostas na cidade: Mastodonte no teatro Salesianos, Vera Fauna na sala Radar, Colectivo da Silva na Masterclub e The Bo Dereck’s na sala La Iguana Club. O sábado 9, dobre concerto no teatro Salesianos a cargo de Margarida Mariño e Lina & Raül Refree, e ademais The Mystery Lights en La Iguana e Grande Amore en la sala Radar.

María Arnal i Marcel Bagés visitarán a cidade o domingo, 10 de outubro, no Auditorio Mar de Vigo. O luns 11, Sila Lua e a Mala Rodríguez estarán presentes en García Barbón, no Teatro Afundación, e a última cita do Underfest deste ano correrá a cargo de Toundra, o 12 de outubro no teatro Salesianos.