10 noviembre, 2021
Os establecementos de hostalaría da cidade poderán, a partir deste xoves 11 de novembro, encher o formulario de inscrición para poder programar baixo a marca do Concello.
O 19 de novembro, no marco de Cabos Soltos, será realizada unha conferencia que contará coa presencia do baterista de Niños Mutantes, que compartirá a exitosa experiencia granadina.
A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou esta mañá unha nova edición do programa Cabos Soltos, acompañada dalgúns dos programadores culturais habituais da Boa Vila, donos e xestores de locais da cidade, (Marcos Rivas, Malú Pedrosa, Moisés Digón e Arturo Delgado).
A nova etapa de Cabos Soltos chega logo dun ano en branco trala crise sanitaria provocada pola Covid-19. O programa, definido como Gulías como a «sinerxía entre moitos sectores diferentes, sectores que para o Concello de Pontevedra son clave e é precisamente esta marca quen pretende seguir impulsando actividades culturais». Nese sentido, non só engloba as actividades ou propostas musicais, senón tamén recitais poéticos, exposicións, mostras, etcétera; co escenario dos locais hostaleiros da cidade como base e escaparate.
«Temos nesta cidade un sector creativo en potencia, xente que leva unha chea de anos traballados para facer de Pontevedra un epicentro de modernidade e de novidade», sinalou a edil. «Se ben a Covid impediu o desenvolvemento das actividades culturais de xeito normal e habitual, tamén a Lei de Espectáculos de Galiza impediu coa súa imposición a programación dun xeito natural. Cabos Soltos nace para dar resposta as limitacións, as restricións e impedimentos que impón esta lei e facía que, practicamente, montar unha exposición artística nun bar fose tan complexo como montar un macroconcerto no Monte do Gozo».
Esa visión de precisar de pequenos soportes, de emerxencia creativa e demais, foron os factores que empurraron ao Concello de Pontevedra a axudar a estes locais programadores de cultura, e poña á súa disposición as ferramentas para continuar coa súa actividade neste eido.
A partir deste xoves, 11 de novembro, todos os establecementos de hostalaría de Pontevedra poderán acceder a un formulario e refundar a marca Cabos Soltos, un paraugas institucional no que desenvolver actividades culturais, por suposto, cumprimentando e cumprindo todos os requirimentos necesarios para isto.
O Concello de Pontevedra si imporá un requisito concreto, alén da documentación inicial, indicando que, a lo menos, un 30 % da programación das actividades sexa protagonizada por creativos e creativas da escena local pontevedresa, co obxectivo de impulsar a arte da Boa Vila.
«Queremos abrir un debate desde Pontevedra, o impulso e mantemento deste pequeno formato fronte as políticas públicas que amparan os grandes festivais, que aínda sendo necesarios, non deben copar todos os recursos públicos», comentou Gulías. Doutra banda, O Concello de Pontevedra tamén fala doutro proceso de apertura de solicitudes para poñer ao servizo da institución local o seu establecemento e o seu espazo. As cafeterías, bares, pubs, etcétera, poderán facelo a partir deste xoves, e neste caso o Concello correría con todos os gastos derivados da actividade, que estará enmarcada dentro dunha programación de seu, dirixida polo Concello, e que se repartirá entre unha ducia de locais, aproximadamente.
A maiores desta serie de programacións culturais, xestionadas polo Concello ou polos locais, o 19 de novembro celebrarase o comezo de Cabos Soltos cunha conferencia que «nos vén a relatar outras experiencias noutras cidades, como é Granada, berce do indie no Estado». Escoitar os eventos realizados nese lugar pode ser de interese para público e institucións, segundo a edil, que formará parte desta conferencia, xunto con Marcos Rivas, xerente da Sala Karma e da produtora Jack & Jack, e Nani, baterista da banda Niños Mutantes, un dos implicados nas iniciativas pioneiras da cidade andaluza.
Alerta