28 mayo, 2024
Desde a organización do Festival TerraCeo vémonos na necesidade de anunciar cambios importantes na programación desta fin de semana. Debido a circunstancias imprevistas alleas á organización do festival, o concerto de Ángel Stanich trasladarase ao hall do Mar de Vigo, mentres que o concerto de Los Secretos y Pancho Varona posponse ata novo aviso.
Tras unha decisión tomada pola organización do festival, o concerto de Ángel Stanich, programado para este venres 31 de maio (21.00 horas), celebrarase no hall do Mar de Vigo debido a problemas técnicos na terraza alleos tanto á banda como á propia organización.
Lamentamos profundamente esta modificación na localización, tanto polos asistentes que agardaban con entusiasmo este concerto, como pola propia banda, unha das habituais no escenario de TerraCeo. Queremos transmitir a todos os seguidores a nosa dedicación absoluta para que o concerto conserve a mesma calidade e vitalidade que sempre definiu as actuacións de Stanich.
Por outra banda, o concerto de Los Secretos y Pancho Varona quedaqueda posposto para unha nova data que se comunicará proximamente. Esta decisión foi difícil de tomar, e compartimos a decepción que isto poida ocasionar; con todo, queremos transmitir o compromiso firme de reprogramar este evento tan especial tan pronto como sexa posible.
O Festival TerraCeo naceu na pandemia como un ciclo de concertos ao aire libre para cubrir a necesidade e as ganas de música en vivo desde a terraza do Mar de Vigo, co solpor sobre a ría de Vigo e as Illas Cíes como telón de fondo. Desde entón, deu renda solta á maxia do directo conxugando carteis abertos que foron tomando o pulso á actualidade e as novas tendencias, congregando tamén a clásicos incontestables.
Este festival é o resultado dun grande esforzo e dedicación, no que se continúa traballando arduamente para resolver a situación actual e seguir ofrecendo experiencias musicais excepcionais nos concertos que nos restan por celebrarse dentro desta quinta edición.
(Para aqueles que desexen solicitar a devolución do importe das súas entradas, poden poñerse en contacto con Teuticket a través do correo electrónico: info@teuticket.com)
Alerta