Campaña do proxecto Depomar, en Cangas

Compartir

 A campaña informativa do proxecto DepoMar da Deputación de Pontevedra recalou no concello de Cangas. Esta iniciativa, que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha con financiamento europeo xunto á Fundación Biodiversidad, ten como obxectivo fundamental fomentar a protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños en espazos da Rede Natura 2000 da provincia a través da participación activa e directa das mulleres mariscadoras.

A deputada provincial Noemí Outeda participou xunto á alcaldesa Victoria Portas nesta xornada da campaña, cuxo punto de encontro foi a praza das Pontes, na que se instalou a carpa informativa e distribuíse material divulgativo do proxecto e dous códigos QR: un co audiovisual do proxecto, protagonizado por mulleres do sector do mar e que ten como obxectivo difundir a importancia do traballo da muller mariscadora na conservación dos recursos mariños, que tamén está a difundirse nas redes sociais da Deputación, e outro co código de boas prácticas elaborado no marco desta iniciativa.

Tralo seu paso polos concellos de Vigo, A Guarda e Cangas, a campaña continuará ata o 27 de agosto nos concellos de Baiona, Redondela, O Grove, Cambados e Poio.