17 abril, 2024
”A maioría das persoas que accederon a entidade a través do seu Servizo Xurídico comezaron a consumir entre os 15 e 18 anos
Unha das vías de entrada das persoas con problemas de adiccións á Asociación Érguete é o seu Servizo Xurídico (Siort). A través deste programa, a entidade ofrece o servizo de avogados e avogadas gratuíto a persoas con problemas de condutas adictivas e as súas familias. No ano 2023 na Asociación Érguete atenderon a máis de 8.000 persoas, 770 dentro do Servizo Xurídico. Para moitas foi a súa maneira de acceder á rede asistencial e, como cada ano, o equipo da Asociación realizou un perfil de consumo para ver as tendencias que se están a dar na cidade.
A substancia máis consumida por estas persoas foi o cannabis, case 1 de cada 3 o facían antes de chegar a Érguete. A segunda é a cocaína (o 25,5 %) seguida do alcol (16,1 %) a heroína con cocaína (15,4 %) e as benzodiacepinas (3,4 %). O 10,3 % restante consumía outro tipo de substancias.
No perfil de consumo da Asociación tamén rexistran o inicio da relación destas persoas coas substancias. Máis da metade (un 55 %) comezaron a consumir entre os 15 e os 18 anos, un 33 % antes dos 14 anos e un 12 % de 19 en adiante. O 30 % destas persoas cometeu o seu primeiro delito entre os 20 e 24 anos e un 20 % antes dos 19.
O responsable do Servizo Xurídico da Asociación Érguete, David Martínez, explica que estes datos “son unha mostra pequena da poboación en Vigo”, pero indica que “nos permiten facer estimacións do que se está a consumir na rúa para tomar medidas e facer políticas de prevención”. Ademais, volve lembrar que o problema das adiccións “segue a estar aí” e que debemos seguir apostando pola intervención directa con estas persoas e, “sobre todo”, por accións preventivas profundas en todos os sectores da poboación.
Alerta