11 septiembre, 2021
Carlos Font: “O anteproxecto da Xunta si disparará os recibos da auga cos novos canons”.
O Deputado reta á Xunta de Galicia a que “en vez de saír correndo a desmentir sen un so dato informacións rigorosas que sabe que son certas, deixe a súa intencionada opacidade e faga público o impacto que tería o anteproxecto nos recibos”.
O Deputado de réxime interior e Delegado do ORAL, Carlos Font, insistiu hoxe en que o establecemento dos novos canons que a Xunta de Galicia inclúe no anteproxecto de Lei do ciclo integral da auga gravarán de forma notable á cidadanía e ás empresas disparando o coste, cunha suba nos recibos que oscilará, no mellor dos casos, entre un 180% no consumo doméstico e ata un 130% no de actividades. “Reafirmámonos nos datos porque son produto dun estudo serio e rigoroso, realizado por persoal técnico especializado en administración tributaria dos servizos provinciais”.
Font ironizou sobre “a velocidade de Fórmula 1 coa que a Xunta de Galicia saíu correndo onte a intentar desmentir a información da Deputación de Pontevedra, sen aportar un só dato e recorrendo unicamente á descualificación”. “Téñeno moito máis fácil, sinalou o deputado, que deixen a un lado a súa habitual opacidade e mostren de inmediato as consecuencias que terá este intolerable anteproxecto nos recibos”. “Unha opacidade, engadiu, que queda mais que demostrada cando no propio anteproxecto non figuran nin un estudio de costes nin un estudio económico, incumprindo a normativa en materia de taxas da propia comunidade autónoma e invalidando a fixación da contía das taxas. “Non se pode afirmar, como fai Feijoo, que toda Galicia pagará prezos mais xustos pola auga cando non presentan nin tan sequera un estudo que xustifique de onde saen os costes”
Font explicou que a Deputación “non se inventa nada” e aportou por elo, “con total transparencia e obxectividade”, a formulación e os cálculos realizados polo persoal técnico especializado en xestión de tributos da institución provincial, que mostra claramente o “incremento” que tería nos recibos. “Quen si inventa as cousas para confundir a cidadanía é a Xunta que, para contradicir a Deputación, argumentaba onte que non se creaban novos canons senón que simplemente se reordenan, cando na propia exposición de motivos do anteproxecto se di literalmente que “mediante a presente Lei preténdese dar solución a esta disfunción creándose dous novos tributos: o canon de xestión de depuradoras e o canon de xestión de redes de colectores. Ambos tributos, cuxa natureza é a de taxa, están configurados cun sistema de dobre facturación” .
En todo caso, o deputado provincial expresou a súa esperanza en que a Xunta mova ficha e dea marcha atrás con este anteproxecto, “cousa que tampouco descartamos vendo a furibunda reacción de onte”, e retire canto antes o documento ao que a Deputación presentou xa oficialmente alegacións no rexistro da administración autonómica. Sabemos, dixo Font, que a ocultación do impacto económico responde claramente á intención da Xunta de, caso de que este globo sonda non funcione, autoenmendar os seus propios cálculos porque ao único que lle teñen medo e a que cidadanía e concellos non traguen por semellante desfeita”
Carlos Font lamentou por outra banda que a Xunta no seu “infantil e nervioso comunicado” non responda “nin a un so razoamento que xustifique o ataque directo que este anteproxecto supón para a autonomía do mundo local que, amais de converternos nos paganini sen ningún poder de decisión, atenta contra a suficiencia financeira de concellos e deputacións, obriga a asumir competencias impropias e impón decisións arbitrarias e unilaterais con ameazas de cargas e sancións a quen se enfronte a elo”. “Trátase simplemente dunha nova manobra para facer recaer no mundo local a súa falta de planificación en política de auga, inexistente nos doce anos de Feijoo no goberno”, engadiu.
En canto á “insólita acusación da Consellería á Deputación de Pontevedra dun suposto rexeitamento a axudar aos concellos só pode mover á hilaridade”. “Os datos oficiais da administración do Estado demostran que esta Deputación, recordou o deputado, é a administración provincial de toda España que mais recursos directos transfire aos municipios, e no caso de abastecemento, saneamento e depuración xa son máis de 23 millóns de euros inxectados nos concellos. Poden repetir unha mentira cen veces que non por iso se converte en verdade”, rematou.
Alerta