Carmela Silva exise a Feijoo solucións ao peche de sucursais bancarias no rural

Compartir

A presidenta da Deputación responsabiliza ao presidente da Xunta “desta desfeita” despois de  “impoñer como impuxo a desastrosa privatización das Caixas”:  “daqueles polvos veñen estes lodos”.

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, esixiu hoxe ao presidente da Xunta a buscar solucións inmediatas ao peche continuado de sucursais bancarias nos concellos do rural galego ao considerarlle “o responsable do que está a pasar, unha desfeita que deixa a boa parte da veciñanza sen un servizo indispensable para a súa vida cotiá“. Silva instou a Núñez Feijoó a dar explicacións “da súa inacción” neste tema “amparándose na teima de sempre de dar unha patada cara arriba e dicir que hai que cambiar a lexislación, cando é o responsable último do que está a ocorrer despois de impoñer, como fixo, a privatización das caixas de aforros que foi un completo desastre como agora se está a demostrar. De aqueles polvos veñen agora estes lodos”, subliñou.

 

A presidenta provincial considerou, por elo, que Feijoó “está obrigado a buscar saídas que freen esta sangría. Non podemos esquecer que en Galicia había caixas de aforros que eran unha garantía de servizos no territorio pero que como Caixa Galicia estaba en bancarrota Feijoo obrigou ás caixas da provincia, que eran solventes, a ir a un proceso de fusión abocado ao fracaso que foi e que tivo como consecuencia a privatización”. “Este peche de agora, dixo, ven daquela decisión do presidente da Xunta. Por iso ten que dar explicacións, asumir responsabilidades e buscar solucións”. Carmela Silva recordou a Feijoó que “ten competencias, ten capacidade para tomar decisións e evitar que isto aconteza e, amais, de que foi o responsable da privatización das caixas que, nesta provincia, si eran solventes”.

 

A presidenta provincial mostrou a súa “enorme preocupación e solidariedade coas veciñas e veciños dos concellos que están a sufrir os peches. “A maioría das persoas que viven nos concellos rurais da provincia de Pontevedra son persoas maiores, que non teñen competencias dixitais e polo tanto van ter moitas dificultades para desenvolver as súas xestións bancarias que son fundamentais para a vida diaria”. Por elo, afirmou Carmela Silva, “Feijoó non pode deixar abandonada a xente do rural, e non pode seguir co discurso de fortalecer a loita contra o despoboamento e despois que desaparezan servizos cando foi o presidente da Xunta quen o provocou”.