Carmela Silva referenda o apoio da Deputación á candidatura de Ponte… nas Ondas!

Compartir
Ponte nas Ondas. Fonte: Deputación

A presidenta, que recibiu hoxe no Pazo Provincial a representantes da asociación educativa, cualificou o seu traballo de 26 anos como “un proxecto de país”.

 

A Deputación de Pontevedra vai celebrar este martes o Día Internacional do Patrimonio Mundial coa posta en valor da candidatura da Asociación Ponte… nas Ondas! ao Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco. A presidenta provincial Carmela Silva referendou hoxe o apoio absoluto da administración provincial a esta candidatura internacional presentada por España e Portugal e que se decidirá a finais do vindeiro ano 2022.

Carmela Silva recibiu hoxe no Pazo Provincial a Santiago Veloso, (representante de Ponte nas Ondas Galicia), Mª Jesús Álvarez, (Ponte nas Ondas Galicia), e Xerardo Feijoo, xornalista de Ponte nas Ondas Portugal, aos que volveu confirmar o apoio da institución provincial a un labor de 26 anos que estase a ver referendado coa citada candidatura internacional. Neste senso, anunciou que na xornada deste martes este apoio visibilizarase nas distintas canles e redes sociais da Deputación.

 

Ponte nas Ondas. Fonte: Deputación

 

“Este é un proxecto de país, destacou, e un modelo de boas prácticas para todo o mundo. Conta con todo o noso apoio e estamos orgullosas e orgullosos por ter a xente que de forma altruísta realiza actividades que poñen en valor todo o noso potente patrimonio inmaterial a través da comunidade educativa e de proxectos como Escolas nas Ondas ou o certame de fotografías para construír e divulgar o noso. Nesta provincia hai un enorme talento e proxectos potentísimos vinculados á posta en valor da nosa cultura, da nosa lingua e da nosa tradición oral baseada nunha secular relación transfronteiriza e nesta Deputación cremos profundamente no valor da relación do sur de Galicia e o norte de Portugal”.

 

Ponte nas Ondas. Fonte: Deputación

 

Amais, a presidenta amosou a disposición da institución provincial a estudar liñas de colaboración coas distintas actividades que con motivo desta iniciativa vai desenvolver o colectivo, entre elas unha Gala do Patrimonio no 2022, así como ao labor promocional da difusión da candidatura. Carmela Silva puxo así mesmo en valor o papel que xoga a educación como elemento transformador da sociedade. Para a presidenta, “promover o patrimonio inmaterial e o xornalismo nos centros educativos é algo moi relevante” así como o feito de que “se poida manter o coñecemento dende unha perspectiva educativa e didáctica”.

Os e a representante de Ponte nas Ondas expuxeron os seus últimos proxectos á presidenta e lembraron que a decisión da Unesco, que terá lugar a finais do 2022, vincula a un proxecto que implica a escolas e crianzas de ambas marxes do río Miño e que no caso galego conta coa participación de centros de ensino de toda a Comunidade. “O ano que vén ten que ser especial, indicou Santiago Veloso, para a proxección deste proxecto a nivel galego e estatal”.