Carmela Silva reivindica o papel das mulleres do mar

Compartir

A presidenta provincial participou na mesa redonda sobre ferramentas para a igualdade e o liderado feminino no marco da xornada “Mulleres do mar, mulleres no mar” na Escola de Estudos Empresariais de Vigo

 

“A economía do mar sempre tivo nome de muller: iso si, con salarios e condicións precarias e invisibilizadas, pero hai mulleres no mar“. Carmela Silva puxo hoxe en valor a aportación feminina ao sector e reclamou un compromiso firme desde as administracións públicas para rachar coa brecha de xénero que, ao igual que noutros distintos eidos, segue a prexudicar ás mulleres neste ámbito.  A presidenta provincial participou esta mañá na Escola de Estudios Empresariais, dirixida por Consuelo Currás, na mesa redonda sobre “Ferramentas para a igualdade e o liderado feminino”, no marco da Xornada “Mulleres do Mar, Mulleres no Mar”.

 

Carmela Silva fíxose eco dos “intolerables” datos de infrarrepresentación das mulleres que segue a arrastrar o sector e que xa producen “fartura”. Indicou que, a pesar da maioría feminina, a porcentaxe de mulleres nos órganos directivos do mar é só do 23%, e as tripulacións contan cun 4% de mulleres. Amais, a Federación Galega de Confrarías conta con dúas mulleres no seu comité executivo de 12 persoas (supoñen o 16%), cando hai nelas 12.734 persoas afiliadas e o 31% son mulleres. Tamén subliñou que só hai 6 mulleres patroas maiores nas 63 confrarías e 16 vicepatroas e lamentou que, por exemplo, o Centro Oceanográfico de Vigo conte con só un 17% de mulleres en postos directivos a pesar de que as investigadoras xa supoñen o 60% do persoal. Lembrou así mesmo que en España as mulleres representan o 15% da afiliación ao réxime especial do Mar, “pero son máis dun terzo de toda a man de obra desta cadea na industria”. A presidenta afondou nas estatísticas para sinalar que das 3.792 persoas mariscadoras a pé, o 72% son mulleres, o 63% na provincia, “pero nos órganos de dirección tampouco estamos”- E puxo en valor o “durísimo” traballo das mulleres redeiras, que nun 84% está realizado por mulleres.

 

A presidenta provincial apuntou que na razón desta infrarrepresentación, “que non pode ser asumida”, están os coidados asumidos polas mulleres, “non só das persoas, senón tamén do planeta. Hoxe na loita polo medio ambiente e pola saúde dos océanos están mulleres, maiores, de mediana idade e novas, son as que están poñendo a palabra sostibilidade en accións e non só nos discursos” – afirmou-. “Estamos involucradas en dar pasos para a mellora dos coidados e non en dirixir, aínda que somos a maioría. Amais, esta sociedade segue cargando unha mochila pesadísima, case insoportable, nos coidados a persoas dependentes, maiores e crianzas”. Por iso, a presidenta da Deputación reclamou a toma de decisión por parte da sociedade “e particularmente polas administracións públicas” a fin de romper coa situación, “decisións que teñen que estar nas leis e na vontade política”.

 

“Non creo que haxa algo máis relevante que rachar con eses impedimentos das mulleres para ocupar os espazos que nos corresponden por talento e coñecementos”. Carmela Silva defendeu o sistema de cotas como “imprescindible” para seguir avanzando “e para que poidamos rachar cos teitos de cristal e tamén con chans pegañentos que nos impiden ocupar o lugar que nos corresponde”. Recalcou que é “moi improdutivo” que as mulleres non ocupen os postos de  liderado, “porque se tiveramos a capacidade e non tiveramos atrancos para aportar a nosa mirada na dirección das empresas, o PIB crecería un 15%”. A presidenta provincial concluíu a súa intervención facendo un recoñecemento a mulleres referentes do sector “que tanto aportaron” e que deixaron a súa herdanza “e merecen ser nomeadas”. Citou a Marie Tharp, a  primeira persoa que cartografou os fondos dos océanos, a Sylvia Earle, que dedicou seis décadas a investigar os océanos, a Ángeles Alvariño, que fora directora do Instituto Español de Oceanografía, e recoñeceu a traxectoria de María Victoria Besada, investigadora do Oceanográfico de Vigo, que precisamente interviño na mesa redonda.

 

No marco desta xornada expóñese na Escola de Estudos Empresarias a mostra da Deputación e a Universidade de Vigo “Achegas das mulleres e sustentabilidade do mar”, que volve tras deixar de ser amosada durante a pandemia. A mostra, que se pode visitar ata o 8 de outubro, dálle visibilidade ao papel das mulleres no mundo do mar e está composta por vídeos e fotografías de mulleres vinculadas ao mar: redeiras, mariscadoras, vendedoras de peixe, mulleres salgando ou conservando e mulleres científicas.