Cartel feito por alumnos de 5º curso do colexio Ferro Couselo de Valga

Compartir

Un debuxo dos alumnos de 5º curso do colexio Ferro Couselo será o cartel anunciador da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

Dúas anguías e unha botella de caña “caseira” son os elementos centrais da obra. Os estudantes gañadores recibirán 200 euros en vales de compra para material escolar.
Un debuxo feito polo alumnado de 5º curso de Educación Primaria do colexio Xesús Ferro Couselo será o cartel anunciador da XXXI edición da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

A obra reproduce o escudo oficial de Valga, aínda que cambiando algúns dos seus elementos para deixar espazo aos produtos protagonistas da festa. Así, o cordeiro foi substituído por unha botella de “caña caseira do país” e, a ambos lados, en lugar das cordas aparecen dúas anguías.

O segundo premio do certame recaeu na aula de 6º de Primaria do mesmo centro educativo, o Ferro Couselo. No debuxo aparece un cartel pendurado dun poste de madeira e nel represéntanse un alambique e un grupo de anguías que invitan a acudir ás actividades da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.


Por último, o terceiro premio foi para Lois Trasende Gómez, de 2º curso do colexio de Baño, que presentou un debuxo dunha romería popular galega animada por uns gaiteiros e na que un grupo de persoas comen anguía e beben caña á beira dun río.
Os autores das tres obras premiadas recibirán vales de compra por valor de 200, 150 e 100 euros respectivamente para a adquisición de material escolar.