Casa da Xuventude de Vigo, “Pechada até novo aviso”, según o cartel que colocou o Concello.
diariodevigo
27 marzo, 2024
Declaracións do portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciando o peche da Casa da Xuventude cun cartel que se limita a indicar “pechada até novo aviso”.
Igrexas vén de esixir explicacións o Goberno municipal sobre este peche, lembrando que hai unha década cunha mensaxe practicamente igual se pechou o Súbete ó Castro que nunca volveu reabrir as súas portas.
“Desde o BNG temos que esixirlle a Abel Caballero que deixe de castigar ás mozas e mozos de Vigo, que merecen moito máis que uns poucos grandes concertos de verán”, criticou o portavoz nacionalista.
Tamén temos o comunicado enviado dende Alcaldía de Vigo:
Vigo, 27 de marzo de 2024.-
O Concello de Vigo informa do peche temporal da Casa da Xuventude pola necesidade de acometer obras de reparación da instalación eléctrica, que presentaba deficiencias que a facían incompatible coa actividade no seu interior. Por seguridade e namentres non se remate a obra, permanecerá pechada ao público.
Nestes momentos, o goberno municipal está no proceso de tramitación da licitación da obra de reparación eléctrica da edificación, cuxo proxecto ten un orzamento estimado de 57.000 euros e un prazo de execución de cinco meses.
Ata a súa reapertura ao público, a ludoteca municipal que presta servizo na Casa da Xuventude desprazou a súa actividade ao Pavillón de Coia.
Como é sabido, a Casa da Xuventude, construída en 1913, é unha edificación centenaria e protexida que require de actuacións que extremen as precaucións arquitectónicas.