Tratáronse un total de 16 puntos na orde do día, entre eles a aprobación da selección de dúas mulleres vítimas de violencia de xénero que veñen de incorporarse á plantilla de traballadores do Concello.
Esta mañá ás 08.00 horas celebrouse no salón do Concello de Mos a primeira sesión
ordinaria da Xunta de Goberno Local da presente lexislatura cos novos membros
integrantes do equipo de goberno, a alcaldesa mosense Nidia Arévalo, e o Secretario
Municipal, Carlos Piñeiro.
A orde do día incluíu un total de 16 puntos a tratar, dos cales 9 eran expedientes
urbanísticos de obras, unha comunicación previa para licenza de primeira ocupación
de Vivenda unifamiliar, e 6 recursos, reclamacións e outros asuntos, entre os que se
atopaba a dación de conta da aprobación da selección de dúas mulleres vítimas de
violencia de xénero que veñen de icorporarse á plantilla de traballadores do Concello
de Mos, cun contrato de 12 meses.
Para elo a administración local mosense recibe subvención da Secretaría Xeral da
Igualdade da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia co
obxectivo de seguir impulsando políticas para a erradicación da violencia sobre a
muller.
Considerando que a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en
situación de violencia de xénero acaden maior estabilidade persoal, social e laboral, a
presente contratación supón un paso máis na mellora da súa inserción laboral, pois
articula axudas económicas ás entidades locais para fomentar a contratación de
mulleres que sofren violencia de xénero e que a curto prazo non poden lograr un posto
de traballo no mercado laboral ordinario.
A axuda autonómica, convocada en réxime de concorrencia non competitiva, trátase
dunha subvención destinada a financiar a contratación, por parte das entidades locais
galegas, de mulleres que sofren violencia de xénero, para a realización de obras ou
servizos de interese xeral ou social, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar
e facilitar a súa inserción laboral.
A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través
da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento, reforzando
ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co
obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.
A contía da subvención concedida pola Xunta de Galicia á entidades local mosense é,
por cada muller contratada a tempo completo, a equivalente á necesaria para sufragar
durante o período de contratación, ata un máximo de 12 mensualidades, as
retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.