Ciclo de conferencias de Aida Fernández Ríos

Compartir
Cartel. Fonte: Deputación

O programa da Deputación e da Real Academia Galega das Ciencias impulsa charlas do 29 de novembro ata o 20 de decembro en centros de Tui, Bueu, O Grove e Silleda.

 

O II Ciclo de conferencias “Aida Fernández Ríos”, impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias, chega a próxima semana aos centros escolares da provincia con cinco charlas adaptadas ao público mozo. Deste xeito, arranca o segundo bloque do ciclo que espallará a ciencia entre o alumnado de 4º da ESO e bacharelato de centros de Tui, Bueu (2), O Grove e Silleda da man de cinco mulleres referentes en distintos eidos científicos.

As charlas comezarán o luns 29 de novembro no IES Indalecio Pérez Tizón (Tui) cunha conferencia titulada “Bacterias comeplásticos” a cargo de Sabela Balboa, investigadora distinguida no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC. Nela falarase de como buscar certas bacterias que son capaces de degradar os plásticos e poder eliminalos así do medio ambiente. A semana seguinte, o xoves 9 de decembro, Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Computación e Intelixencia Artificial da UDC, achegarase ao IES Illa de Ons (Bueu), para deixarlle claro á mocidade que “A intelixencia artificial non é ciencia ficción” senón que está presente en case todos os campos, dende a educación ata o emprego, e incluso está a mudar a forma na que as persoas nos relacionamos.

O venres 10 de decembro o IES Monte da Vila (O Grove) acollerá unha charla que porá o foco no “Obxectivo saúde: a revolución dos alimentos”. A ponencia correrá a cargo de Isabel Medina, profesora de Investigación do Instituto de Investigacións Marinas do CSIC, e centrarase nas variacións, a nivel anatómico e fisiolóxico, que as eleccións alimenarias e o cambio climático provocaron no organismo dos seres humanos. Xa o luns 13 de decembro o alumnado do IES Pintor Colemiro (Silleda), acudirá á charla “As matemáticas que pesquei na ría de Pontevedra”, da decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez. Nela compartirá co alumnado a experiencia no proxecto “Marzo, mes das matemáticas”.

A última das charlas terá lugar o luns 20 de decembro no IES Johan Carballeira (Bueu), da man de África González, catedrática de Inmunoloxía do Centro de Investigacións Biomédicas da UVigo. A profesora descubrirá ao alumnado do centro que é a vacinación e os pasos necesarios para desenvolver vacinas eficaces contra un patóxeno nunha charla titulada “Potencia ás túas defensas: vacínate!”.

Con estas charlas péchase a segunda edición do ciclo que rende homenaxe co seu nome á bióloga viguesa Aida Fernández Ríos e que xa desenvolveu dez conferencias destinadas ao conxunto da cidadanía entre os meses de abril e xuño. Nelas versouse sobre a muller e a ciencia, a contaminación por microplásticos ou as adegas circulares para espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social e impulsou o labor científico en Galicia.