Cociña, gastronomía e innovación na primeira masterclass de Iñaki Bretal no EEIA de Marín

Compartir
Masterclass de Iñaki Bretal. Fonte: Concello

A alcaldesa, María Ramallo, afirmou que este tipo de formacións, que seguirán ao longo do 2022, “son esenciais para fomentar a profesionalización e responder á demanda dos consumidores”.

 

 

O Espazo Empredendor de Innovación Alimentaria de Marín (EEIA), ubicado no Parque Azul, serviu hoxe de escenario para coñecer algúns dos mariscos da nosa vila. Ostras, navallas, ameixóns, moelos, rabiosos… e outras especies foron as protagonistas da masterclass do cociñeiro con estrela Michelín e do Grupo Nove, Iñaki Bretal.

Doce participantes, entre os que había representantes de establecementos hosteleiros locais como o Lelé, a Taberna do Lucho, Los Tres Monos, ou de empresas coma Rosa de Los Vientos, puxeron os seus mandís para seguir as indicacións do cociñeiro.

 

Masterclass de Iñaki Bretal. Fonte: Concello

 

A alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Turismo e Comercio, Cristina Acuña, acudiron á inauguración da xornada de formación xunto con Alicia Montes, da directiva da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE).

Ramallo asegurou que formacións coma estas “son imprescindibles para que a nosa hostalaría, de xeito concreto, e en xeral todos nós, aprendamos a utilizar os produtos da nosa ría, melloremos a nosa calidade e a nosa oferta”. A alcaldesa fixo fincapé no turismo que tamén recibiu a vila sobre todo durante o verán, “que tamén demanda que presentemos este tipo de productos dun xeito coidado e iso pasa pola profesionalización e a formación”.

 

Masterclass de Iñaki Bretal. Fonte: Concello

 

Esta acción é a primeira dunha serie de dez xornadas de formación e promoción de produtos marítimo-pesqueiros que terán lugar ao longo do próximo ano na aula de formación do EEIA.

O Concello, que foi o promotor do proxecto e da dotación de equipamento para a aula, solicitou unha subvención ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (Galp), no marco do FEMP para os anos 2021 e 2022. En total,a inversión é de 32.126,90 euros, dos cales o 80% son aportados pola Consellería e o 20% restante polos fondos propios municipais.

 

Masterclass de Iñaki Bretal. Fonte: Concello

 

A acción encádrase nos obxectivos específicos do programa da FEMP de crecemento económico, apoio á empregabilidade e a diversificación de actividades no marco da economía marítima e pesqueira.