Comenzaron en Ferreirós a segunda fase das obras de mellora de servizos e pavimentación Po-190

Compartir
Obras Ferreirós. Fonte: Concello

Arranxaranse as beirarrúas, as redes de augas pluviais e abastecemento e melloraranse o firme e a seguridade viaria.

A Axencia Galega de Infraestruturas financia integramente as obras, que afectarán a un tramo de 800 metros.

 

Nos últimos días deu comezo na estrada PO-190 en Ferreirós (Cordeiro), a segunda fase de obras de mellora, pavimentación e dotación de servizos, un proxecto que levan a cabo o Concello de Valga e a Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta a través dun convenio de colaboración que conlevará un investimento de 531.498’30 euros.

Remataranse, así, as actuacións iniciadas en 2020 para solucionar as problemáticas que afectaban a este vial, tales como beirarrúas estreitas, pavimento deteriorado ou o mal estado da rede de augas pluviais e das tubaxes de abastecemento, entre outras.

 

Obras Ferreirós. Fonte: Concello

 

A primeira fase afectou a un tramo de aproximadamente medio quilómetro comprendido entre o cruce coa estrada PO-548 e o Auditorio Municipal, cun orzamento de máis de 370.000 euros aportado pola Xunta. Agora prevese este novo investimento para completar as melloras entre os puntos quilométricos 0’470 e 1’290.

 

 

Obras Ferreirós. Fonte: Concello

 

As actuacións que se van a levar a cabo nestes oitocentos metros inclúen o arranxo e demolición de beirarrúas para a súa reconstrución, suprimindo barreiras arquitectónicas para favorecer a accesibilidade e facer máis seguro o tránsito de peóns. Tamén se renovarán as redes de augas pluviais, abastecemento e alumeado, soterrarase a rede eléctrica e algúns tramos da rede telefónica e, por último, dotarase á estrada dun novo pavimento e de sinalización horizontal e vertical.

A Xunta financia integramente as obras, que foron adxudicadas ás obras Construcións, Obras e Viais S.A. (Covsa).