Comeza a segunda fase da mellora do Cemiterio Municipal de Torroso no Concello de Mos

Compartir

A obra, que consistirá na impermeabilización dun novo conxunto de nichos mediante unha única rede drenante, iniciarase o vindeiro venres tras aprobar mañá en Xunta de Goberno Local, o pertinente plan de seguridade

 

O venres 1 de outubro comezará a segunda fase da mellora do Cemiterio de Torroso, tras ser aprobado mañá en Xunta de Goberno o pertinente plan de seguridade da obra. Así o informaron hoxe a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras e Desenvolvemento Urbano e Revalorización de Espazos Públicos.

 

O pasado mes de agosto o Concello de Mos asinaba un convenio de colaboración coa Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia para a acometida da segunda fase de mellora do Cemiterio Municipal de Gándara, na parroquia de Torroso.

 

A administración autonómica, que xa financiara a primeira fase realizada fai xustamente un ano –durante o verán de 2020-, subvenciona nun 80% esta segunda fase, cunha aportación económica de 11.650,44 euros.

 

A actuación proxectada para a segunda fase da mellora abrangue un conxunto de nichos con problemas de humidade e filtracións internas de auga, sendo a parte máis afectada a dos nichos en contacto co chan.

 

Agora actuarase nun conxunto de nichos ou panteóns diferente ao mellorado o ano pasado, polo que os traballos que se contemplan, son independentes dos xa executados o pasado verán, non gardando relación física entre eles, salvo pola natureza dos traballos e por situarse no mesmo Cemiterio Municipal.

 

Mediante as novas obras a acometer eliminaranse por completo as filtracións no citado conxunto de nichos, realizando labores de drenaxe consistentes na recollida e evacuación das augas pluviais que chegan ao terreo e que pola súa gravidade infíltranse nos paramentos traseiros do conxunto de panteóns, así como a auga da choiva a través da cuberta. Para elo proxéctase unha única rede que comprende os tres conxuntos funerarios construídos, e estará formada por: rede principal formada por un paquete drenante que discorrerá polas traseiras dos nichos. Conexión mediante pozos de rexistro e tubaxe de PVC dos tres tramos drenantes. Arquetas sumidoiro que recollerán as augas das cubertas dos tres conxuntos de panteóns. E impermeabilización das cubertas planas das tres edificacións.

 

Primeira fase

Durante a primeira fase da mellora do Cemiterio Municipal de Torroso acometeuse a impermeabilización superior de outros panteóns (cuberta) mediante a drenaxe de 3 grupos deles pola parte traseira dos mesmos. Un dos grupos de 75 metros cadrados de cuberta e os outros dous de 48 metros cadrados cada un. O orzamento investido naquela primeira fase da obra ascendeu a 25.000 euros, subvencionado íntegramente tamén pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, que en total entre as dúas fases fai un investimento de máis de 36.000 euros nestas instalacións municipais