Xunto a concelleiros e deputados da cidade, Abel Caballero e Carmela Silva visitaron este xoves o estadio municipal de Balaídos, onde xa loce unha gran lona de 60×6 metros diante das obras de Marcador. Para o seu deseño, Concello e Deputación elixiron as ilustracións de O Bichero, creación de Luis Davila.
Ademais, Caballero e Silva comprobaron a nova disposición dos asentos en Río Baixo. Concello e Federación de Peñas do Celta acordaran suprimir unha fila de cada cinco para que os afeccionados gañasen en espazo e comodidade. Xa foron instalados os máis de 5.000 asentos que se retiraran no seu momento, gañando catorce centímetros entre filas de media. A mellora está lista para o primeiro partido de Liga, que o Celta xoga este mesmo domingo.